Haberá 3 premios en cada categoría entre os que se escollerá un deseño para enviar a todos os domicilios vilalbeses como felicitación de Nadal do Concello de Vilalba
Vilalba, 17 de novembro de 2024. A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Educación, Paula Vigo, presentaron a nova edición do concurso de postais de Nadal, entre as que se escollerá un deseño como felicitación do Concello de Vilalba para enviar a todos os domicilios do municipio.
Os participantes poderán entregar os seus deseños a partir de hoxe ata o vindeiro 29 de novembro, cando se recollerán as postais nos centros educativos vilalbeses para seleccionar os gañadores. “Haberá 3 premios en cada unha das categorías, que se dividen en infantil, 1º, 2º e 3º de primaria e 4º, 5º e 6º de primaria”, explicou a concelleira de Educación, Paula Vigo.
Así, o venres, 13 de decembro, farase entrega dos premios aos 3 mellores deseños de cada categoría, nas cales será imprescindible que as postais se acompañen do nome e apelidos do/a autor da obra.
En canto aos criterios de valoración, o tema da postal terá que estar relacionado co Nadal e puntuaranse a imaxinación, a orixinalidade, o colorido e a calidade da execución, con atención á idade dos nenos e nenas concursantes. Ademais, no caso de que o deseño se acompañe de texto, valorarase positivamente que estea escrito en galego.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, quixo animar “a todos os nenos e nenas a que participen nesta nova edición, que marca o inicio da programación de Nadal do Concello que, como cada ano, estará cargada de sorpresas e actividades para todas as idades”.