Nota de prensa
Os populares responden ao Grupo Socialista Municipal que criticou os investimentos previstos pola Xunta no seu termo municipal
CO PSOE DE CERVO “NIN BARCO, NIN PORTO”
TRAIZÓN: Non é a primeira vez que os edís do PSOE en vez de felicitarse polos investimentos que a Xunta popular destina a Cervo critican estas achegas.
INCOHERENCIA: Mentres que os socialistas critican a construción da goleta -que suporá unha rendibilidade turística, cultural e a nivel de emprego- non fan o mesmo con outras actuacións promovidas polas administración socialistas do goberno central como o Centro de Interpretación Mariña en Foz (3,7 M€) ou o ascensor panorámico de Ribadeo (1,4 M€).
A nova praza dos Campos deixa en evidencia as mentiras do PSOE que acusan ao Concello de querer construír un edificio onde só haberá espazo 100% público, con zonas verdes, deportivas, con xogos infantís e para o tempo de lecer e paseo.
Cervo, 30 de outubro de 2010.- O Partido Popular de Cervo non quere deixar pasar a oportunidade de responder ás críticas do Grupo Socialista local respecto dos investimentos que a Xunta ten previsto facer no termo municipal e, nomeadamente en relación coa construción da goleta tipo “San Ciprián” e da nova praza dos Campos. Acusaron aos socialistas de ser “profundamente desleais” cos veciños do municipio “pois nunca antes asistimos a un espectáculo tan bochornoso como o ver a uns concelleiros, que se deben ao seu pobo, saír publicamente a cuestionar os investimentos que chegan a Cervo en vez de felicitarse polos mesmos”. Indican tamén que este comportamento é unha “traizón” da que tomarán boa nota todos os cervenses.
NIN PRAZA, NIN BARCO
Os populares lembran que co PSOE no Goberno da Xunta non houbo cartos “nin para o barco, nin para o porto”, xa que durante os catro de bipartito non houbo investimento algún para estas nin outras actuacións. “Pola contra, agora co PP no Goberno autonómico, chegan recursos para o novo porto deportivo e tamén para a Goleta; así como para outras moitas actuacións que as administracións socialistas lles estiveron negando todo o
tempo aos veciños deste concello”.
Os populares tampouco comprenden como é posible que o PSOE critique en Cervo esta actuación e non faga o mesmo con outros proxectos promovidos desde administracións socialistas e con financiamento do Estado, como son o novo Centro de Interpretación do Mar de Foz –no que o Ministerio de Medio Ambiente Investiu 3,7 millóns de euros- ou o ascensor panorámico de Ribadeo –cun custe de 1,4 millóns de euros, achegados tamén polo Estado-. Desde o PP están convencidos que a construción da goleta é “polo menos igual de prescindible” que estas actuacións anteriormente citadas. “A diferencia estriba en que nós non criticamos a idoneidade delas, mentres que a eles de súpeto dálles por poñer en tela de xuízo calquera investimento que veña a Cervo escudándose nunha crise que levan negando ata hai dous días” aseguraron.
Os populares insisten nas vantaxes da construción da goleta no eido turístico (punto de interese e atracción de visitas), cultural (apoio e posta en valor das carpinterias de Ribeira) e no ámbito da creación e consolidación do emprego artesanal (postos de traballos asociados á construción da goleta)
PRAZA DOS CAMPOS
No PP defenden tamén as achegas da Xunta destinadas á construción da nova praza dos Campos por canto supón recuperar un espazo libre e público, un emprazamento situado no medio de San Ciprián. “Ademais con esta nova praza, estamos a deixar en evidencia as mentiras do PSOE, que sempre defendeu que o que alí pretendíamos era edificar, construír pisos de vivendas. Todo o contrario haberá unha praza pública, espazos verdes, zonas de lecer, de xogo infantil e para a práctica deportiva… algo que parece molestar ao PSOE, obsesionado en que en Cervo non se investina nin un só euro”
Finalmente os populares afirman non comprender como despois de anos e meses negando a existencia da crise, agora o PSOE empregue esta escusa como argumento para rexeitar os investimentos previstos en Cervo. “O seu problema é que non lles gusta que o PP se esforce tanto na Xunta como no Concello por investir e apostar por Cervo”-conclúen