Ribadeo, 16 de novembro, 2024. Este venres escoitouse roncar as ribeiras nun mar de poesía. Da man de Xurxo Souto botouse unha ollada ás nosas “Palabras na varanda”, dedicadas este ano a Luisa Villalta.
Posteriormente presentouse o ibro “Somos un país de artistas”, onde precisamente se evoca a figura de persoas como Luisa Villalta, que sempre reclamaron a poesía como espírito do pobo. A A.C. Francisco Lanza agradece a Xurxo “ese mar de anécdotas que foron coroando as súas distintas intervencións, pola música que lle puxo á noite, polo que nos fixo cantar e, sobre todo, polo que nos fixo aprezar o noso, a nosa lingua, a nosa cultura”.
“Moitas grazas tamén a Alba López por lembrar con Xurxo Souto a figura de Luisa Villalta. Grazas a Xermán Viluba e Emilio López, dos “Escornabois” por lembrar o movemento bravú. Tamén a Arturo Mogo por nos ler a letra do himno bravú de Ribadeo. E moitas grazas, sobre todo, ás persoas que lle déstedes vida a tan fermoso acto polas rúas de Ribadeo coa vosa presenza”.