O Presidente asinou hoxe co Alcalde un convenio de colaboración no que a institución provincial financia na súa totalidade a reforma do firme e a mellora da rede de saneamento das rúas Alfonso X e Alfredo Brañas situadas no centro urbano da vila
Lugo, 16 de novembro de 2024. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este xoves no Pazo de San Marcos co Alcalde de Foz, Francisco Cajoto Caserío, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial destina 115.000€ para renovar o firme e realizar o repintado completo das rúas Alfonso X e Alfredo Brañas.
O Presidente enmarcou esta iniciativa na “cooperación, intensa e continua, que mantemos co Concello de Foz, e co resto dos concellos, para que poida ofrecer máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas”. Neste caso, sinalou José Tomé que esta actuación que financia na súa totalidade a Deputación de Lugo, encaixa plenamente co modelo de Concello polo que aposta o Alcalde e o seu equipo de Goberno, “de facer de Foz un lugar máis moderno, seguro e pensado para o benestar da súa xente”. “Con esta iniciativa, non só melloramos a circulación e a seguridade nas vías, senón que tamén aumentamos o atractivo de Foz, o que favorece a súa dinamización social e económica, tanto para os veciños como para os visitantes”
Pola súa banda, o Alcalde de Foz valorou o compromiso da institución, subliñando que “este investimento resulta clave para seguir avanzando na renovación da imaxe de Foz, mellorar os servizos e a calidade de vida dos e das focenses”.
Concreta Cajoto que “a reforma das rúas Alfonso X e Alfredo Braña incluirá a mellora do firme e o repintado completo das rúas, nuns 1.550 metros cadrados”. Ademais, no marco das melloras da rede de saneamento do concello de Foz, está prevista a continuación da rede recentemente renovada na rúa Irmandiños, que se estenderá pola rúa Alfonso X. Nesta actuación, substitúese a rede de fecais e instalarase unha nova rede de pluviais, dotada de sumidoiros correspondentes. Aproveitando a intervención, tamén se substituirá a vella rede de abastecemento, retirando os colectores antigos e instalando unha nova rede de alta densidade, con diámetros de 110 e 90 mm. Finalmente, tamén se reporán as beirarrúas e o bordo da rúa, este último na marxe dereita. As obras teñen un prazo de execución de 3 meses.