Burela, 12 de novembro, 2024. Corenta alumnos de educación infantil e primaria do CEIP Plurilingüe Santa María do Valadouro (Ferreira, Lugo) participaron este martes 12 de novembro na xornada divulgativa “Eu Como Peixe” impartida pola nutricionista Alba Vila en colaboración coa Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela. Nas próximas semanas realizaranse novas visitas a colexios da Mariña.
Esta visita forma parte da serie de actividades dirixidas ao público infantil que se levan a cabo desde a OPP-7 Puerto de Burela, co obxectivo de achegalos ao mundo da pesca e o consumo de peixe; inclúese no seu plan de produción e comercialización e están cofinanciadas pola Xunta de Galicia e FEMPA.
O secretario técnico de OPP-7, José Manuel Beltrán, saudou aos alumnos antes de dar paso a unha charla divulgativa sobre os beneficios de comer peixe, impartida pola nutricionista Alba Vila, que, ademais dos seus centros de dietética en Burela e Foz, tamén coordina os menús dalgún colexio da zona.
Os pequenos amosáronse moi atentos durante a presentación, seguindo os debuxos e explicacións sobre algunhas das principais especies da lonxa de Burela: pescada do pincho de Burela, peixe sapo, peixe espada, cabala e bonito do norte; e aprendendo as principais diferencias entre o peixe azul e o peixe branco.
No acto participaron uns 40 alumnos de entre catro e oito anos, desde quinto de educación infantil ata segundo de educación primaria, que ao final da charla recibiron unha mochila de regalo e prometeron que axudarán a cociñar e comer moito peixe nas súas casas.
Esta acción está cofinanciada pola Xunta de Galicia e o FEMPA, incluída no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 Porto de Burela co obxectivo de contribuír á trazabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa.