O deputado Francisco Conde defenderá este mércores na Comisión de Industria e Turismo do Congreso unha PNL para garantir a competitividade da planta de Alcoa na Mariña e a industria electrointensiva
Lugo, 12 de novembro de 2024. O deputado do PP lucense no Congreso e portavoz de Industria do Grupo Popular no Congreso, Francisco Conde, asegura que “o futuro de Alcoa depende dunha decisión política do Goberno de Sánchez”. É máis, acúsao de “bloquear as autorizacións para os parques eólicos vinculados a un contrato de venda de enerxía (contratos PPA) que atendería ao 17% das necesidades enerxéticas da planta mariñá, de non activar o máximo permitido pola lexislación europea en axudas derivadas da compensación por custos indirectos de emisións de CO2 nin modificar o Estatuto dos consumidores electrointensivos que dea resposta ás necesidades do sector, tal e como se comprometera a Ministra”.
Conde asevera que “o Goberno de Sánchez e o PSdeG bloquean solucións para Alcoa”. De feito, “mentres que a Xunta de Galicia cumpriu cos prazos -despois de declarar eses parques como iniciativas empresariais prioritarias-, o Ministerio para la Transición Energética y el Reto Demográfico resolveu fóra de prazo -en novembro do 2023- a declaración de impacto ambiental (DIA) de cinco parques eólicos vinculados a un contrato de venda de enerxía para Alcoa (contrato PPA). E, a pesar de que o PSdeG prometera que podía recuperar o seu permiso de acceso e conexión no prazo dun mes, case un ano despois deste anuncio, a situación segue a ser a mesma”.
Polo tanto, considera que “o PSdeG lles dá de novo as costas aos traballadores incumprindo o seu compromiso. E o BNG tamén, por seguir apoiando ao Goberno de Sánchez a pesar de terlle mentido e negarlle a Alcoa un prezo eléctrico estable e competitivo, como fan o resto de países da Unión Europea”.
Conde aclara tamén que “nin Bruxelas nin o marco enerxético impiden que se poidan conceder as axudas por compensación de custos indirectos de CO2 ás industrias electrointensivas”. A Directiva (UE) 2018/410 permite destinar ata o 25% deses ingresos, “pero o apoio de España ás industrias electrointensivas non alcanza o que lle permite a lei”. Así, condena que “o Ministerio celebrara como un éxito que as axudas se eleven ata os 300M€ cando a industria electrointensiva española tería dereito a case o triple: 896M€”.
O apoio de países como Francia ou Alemaña en axudas á industria electrointensiva por compensación dos custos indirectos de CO2 é maior. Mentres que en España teñen que facer fronte a un prezo da enerxía de case 3 veces máis que as francesas e o dobre que as alemás. “E, aínda por riba, cando promoven contratos de subministro de enerxía vinculados a fontes renovables, o Goberno de Sánchez paraliza os proxectos”.
Conde é crítico con esta situación porque “coloca ao sector electrointensivo español nunha posición de grave desigualdade con respecto aos principais competidores europeos”, ademais de “limitar as posibilidades para o seu desenvolvemento e aumentar o risco de deslocalización impactando de forma directa no emprego e na economía rexional”.
O GOBERNO INCUMPRE O ACORDO
O deputado popular subliña “outro incumprimento máis por parte do Goberno de Sánchez” á vista de que “o Ministerio leva meses sen convocar a mesa de seguimento do acordo de Alcoa” que reclaman os traballadores e que “está plenamente xustificada” pero, ademais, “urxe para analizar a nova situación tras facerse público o preacordo inversor con Ignis”.
INICIATIVA POPULAR
Os deputados lucenses no Congreso esixen ao Goberno de Sánchez, a través da Proposición No de Ley para garantir a competitividade da planta de Alcoa na Mariña e a industria electrointensiva para o seu debate na Comisión de Industria e Turismo:
1. Cumprir os seus propios prazos impostos no Real Decreto-ley 23/2020 no que se refire á tramitación de proxectos de xeración a partir de fontes renovables, pois o seu incumprimento ten unha grave repercusión económica no solo aos promotores afectados senón tamén á industria que subscribiu contratos de compravenda de enerxía a prezo competitivo con aqueles.
2. Asumir as posibles responsabilidades patrimoniais para as empresas non só enerxéticas, senón tamén industriais, que se viron gravemente prexudicadas ante os erros de incumprimento dos prazos fixados polo propio Goberno.
3. Modificar o Estatuto dos consumidores electrointensivos para asegurar que as industrias en España podan competir en igualdade de condiciones no mercado europeo, incrementando a dotación presupostaria para as axudas ao sector ata o límite do 25% dos ingresos de dereitos de emisión de CO2, conforme ao permitido pola Directiva Europea.
4. Axilizar a tramitación e activación de poxas específicas de enerxía renovable para consumidores industriais intensivos en enerxía.