O seu Voceiro, Pablo Díaz, alerta de que se paralizou o contrato porque o Concello de Abadín non publicou a licitación no Diario Oficial da Unión Europea, un requisito imprescindible para este tipo de contratos
Abadín, 11 de novembro de 2024. A Agrupación Socialista de Abadín, a través do seu Voceiro Pablo Díaz, expresa a súa indignación pola anulación do contrato de subministración eléctrica para as dependencias, instalacións e alumeado público dos concellos de Abadín, Castro de Rei, Friol e Outeiro de Rei, atribuíble á falta de xestión e previsión do alcalde. Este contrato, que buscaba optimizar o gasto enerxético e reducir custos foi cancelado pola falta de publicación obrigatoria no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE), un requisito ben coñecido e imprescindible neste tipo de contratos.
“Non é tolerable que se poña en xogo un contrato esencial pola falta de cumprimento das máis básicas obrigas administrativas”, afirma Díaz. O erro, recoñecido publicamente polo propio Concello de Abadín, implica que a licitación, publicada no perfil de contratante o pasado 28 de outubro de 2024, queda anulada, atrasando sen data un proxecto esencial para a mellora do servizo de subministración eléctrica e poñendo en risco os plans de aforro e eficiencia enerxética anunciados aos veciños. O orzamento de licitación deste contrato era de máis de 1,6M€.
Para Pablo Díaz, Voceiro da Agrupación Socialista de Abadín, este feito é unha mostra máis da “falta de responsabilidade e compromiso” do Alcalde coa xestión pública: “Este erro demostra unha preocupante neglixencia na xestión dun contrato esencial. A obrigatoriedade de publicar contratos no DOUE non é un simple formalismo, é un paso indispensable para asegurar a transparencia e legalidade no proceso de contratación. Resulta inadmisible que o Alcalde ignore ou desprece os requisitos legais necesarios, o que supón un prexuízo directo para os veciños e veciñas de Abadín, Friol, Castro de Rei e Outeiro de Rei”.
A Agrupación Socialista critica duramente que, malia as promesas de mellora na xestión enerxética, a falta de rigor e o descoido do goberno municipal deixen a cidadanía sen os beneficios deste proxecto, que supón un servizo básico e que foi anunciado como un paso importante cara á eficiencia enerxética. “A paralización deste contrato non é un erro menor, é unha mostra clara de ineficacia e deixamento das responsabilidades do Alcalde, que compromete a confianza e os recursos de todos os veciños e veciñas de Abadín e os concellos asociados,” engadiu Díaz.