Nota de prensa:
Os populares afirman que a diferenza do feito polo bipartito na pasada lexislatura o Goberno actual adxudicará no DOG a ampliación dos servizos centrais, zona de urxencias, laboratorio e radioloxía, a primeira fase dun máis ambicioso proxecto que supoña a ampliación estrutural do centro hospitalario de Burela
O PP DA MARIÑA ASEGURA QUE O 2011 SERÁ O ANO NO QUE DEAN INICIO AS OBRAS DE AMPLIACIÓN DO HOSPITAL DA COSTA
· Os populares acusan unha vez máis a PSOE e BNG de “mentir” cando afirman que o Hospital ve reducido seu orzamento en máis da metade e lembran que as contas autonómicas destinan máis de 37 millóns de euros para o centro hospitalario, e preto de 900.000 euros máis para obras e melloras tecnolóxicas.
Cervo, 29 de outubro de 2010.- O Partido Popular da Mariña asegura que o 2011 será o ano no que dean inicio as obras de ampliación do Hospital da Costa. De feito, a diferenza do que acontecía na anterior lexislatura co bipartito, o novo Goberno galego non se limitará a poñer en papeis e licitar as obras, senón que adxudicará vía Diario Oficial de Galicia (DOG) –“que é onde de verdade importa”- a ampliación dos servizos centrais, zona de urxencias, laboratorio e radioloxía, a primeira fase dun máis ambicioso proxecto que rematará coa ampliación estrutural do centro en futuras datas.
Os populares da Mariña queren desmentir tamén as afirmacións feitas por PSOE e BNG que aseguraban que, durante o 2011, o centro hospitalario sito en Burela perdería “a metade do seu orzamento”. Os devanditos datos son totalmente falsos –unha absoluta mentira- Da análise das contas autonómicas para o ano próximo despréndese que, pese a contención orzamentaria que en xeral afecta a todos os entes e consellerías dependentes da Xunta, o Hospital de Burela manexará un orzamento de 37 millóns de euros. A esta cantidade hai que engadir preto de 900.000 euros máis para obras, servizos e novas dotacións tecnolóxicas e equipamentos.
O PP desagregou este investimento directo explicando que existe unha achega específica por valor de 351.880 euros en concepto de execución de “plans directores e outras actuacións”, 175.000 máis para equipamentos e melloras tecnolóxicas, que se empregarán sobre todo na compra de novos equipos de diagnose coa tecnoloxía médica e exploratoria máis moderna e avanzada e, finalmente, 361.836 euros máis para a empresa pública GALARIA coas que tamén se acometerán obras e melloras tecnolóxicas do Hospital da Costa.