Ribadeo, 11 de novembro de 2024. Un novo convenio entre Concello de Ribadeo e Xunta de Galicia permitirá investir 50.000 euros en diversas melloras no centro de día A Concordia.
O alcalde, Dani Vega, subliñou que “un novo convenio chega a Ribadeo, neste caso para mellorar o centro de día. Son 50.000 euros para realizar unha soleira de formigón que necesitamos na entrada desta instalación para aproveitar todo este espazo en aberto”.
O rexedor explicou que “vamos tamén limpar as fachadas, as paredes do centro de día, para posteriormente pintar e tamén se van limpar e lixar todas as rexas das ventás. Teñen un deterioro importante, un óxido que hai que eliminar, e así tamén seguir conservando o centro de día A Concordia, que queremos tanto en Ribadeo, que cumpre unha función importante: o coidado das persoas, atención ás nosas persoas de Ribadeo”.
Para Vega “trátase dunha mellora no edificio e tamén seguir aportando equipamento, que neste caso van ser 31 cadeiras que foron solicitadas”.
O alcalde indicou que “seguimos colaborando cun centro que cumpre unha función importante, repito: o coidado e a atención das persoas. Dar as grazas tamén a todo o persoal do centro de día, que está traballando arreo, e o Concello está colaborando naquelo que se solicita, tanto en iniciativas de propostas como tamén en seguir mellorando o edificio do centro de día”.
Dani Vega engadiu: “polo tanto son 50.000 euros que se unen aos 17.000 euros que se investiron o ano pasado e vamos seguir colaborando co centro de día, con toda a dirección e todo o persoal, que está traballando arreo, o cal estamos moi agradecidos do que fan, e vamos a seguir tamén reivindicando obras á Xunta de Galicia. Queda moito por facer, xa se acredita unha inversión nestes anos, pero vamos seguir loitando e defendendo para que o centro de día estea ben conservado, ben coidado para que as persoas que acoden aí teñan un espazo digno”.