Cervo, 8 de novembro de 2024. Durante as xornadas do 4 ao 7 de novembro de 2024 tres mestras do CEIP de Cervo estiveron a vivir unha experiencia de formación internacional en Dublín visitando as escolas Mary Queen of Irland e Kilconscan National Scholl, da man do CFR de Lugo e do programa Observa_Acción da Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidades.
Este programa ten como finalidade fomentar o desenvolvemento profesional nas Competencias Profesionais Docentes para a cooperación e colaboración, a construción conxunta de coñecemento e o liderado e xestión de centros a través do intercambio de boas prácticas e a observación entre iguais.
En concreto, o intercambio permite experimentar novas vías de formación do profesorado e favorecer a innovación educativa nos centros, ao tempo que se facilita aos docentes a posibilidade de observar de forma directa metodoloxías nos procesos de ensino-aprendizaxe, xeitos de relación e comunicación ou vías de xestión dos recursos propios e alleos que desenvolven outros centros. Así mesmo, favorécese o traballo en equipo do profesorado con intereses compartidos e mesmo se abre a porta á colaboración con centros doutras comunidades autónomas ou países.
“No CEIP de Cervo, un colexio pequeno que valora moi especialmente as potencialidades do ensino rural, seguimos a asumir a nosa responsabilidade en canto á mellora da calidade educativa, o cal nos leva a mergullarnos en diferentes proxectos de innovación para seguir aprendendo e mellorando nas nosas competencias profesionais” apuntan dende o centro.