A Deputación destinará un 20% do presuposto ao plan de cooperación cos concellos, fronte ao 1,1% da Xunta; e manterá o esforzo en políticas sociais para suplir as carencias do Goberno galego, un servizo de asistencia técnica “co que aforran e gañan eficacia” e programas como o Impulsa TIC para avanzar na transformación dixital da administración
Lugo, 4 de novembro de 2024. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este luns no Parlamento de Galicia as liñas estratéxicas dos Orzamentos da institución para o ano 2025, uns presupostos “realistas e útiles para os concellos e para o tecido social e económico da provincia” que ascenderán a 130M€, o que representa un 12% máis ca neste ano, gracias á aportación do Estado que se incrementa en 14M€.
Como sempre ocorre a estas alturas do ano dende que José Tomé é Presidente, o Goberno provincial está elaborando as contas coa previsión de aprobalas en Pleno neste mes de novembro para que así poidan entrar en vigor a primeiros de ano.
Neste sentido, subliñou que un Goberno “responsable e útil” é o que aproba os Orzamentos en tempo e forma, pero tamén o que fai “unha planificación realista e a executa”, como é o caso da Deputación de Lugo, que alcanzou unha media anual de execución do 85%, situándose á cabeza das administracións locais de España. “Os Orzamentos son un instrumento investidor para desenvolver políticas que melloran a vida da xente”, asegurou o Presidente.
“Continuaremos desenvolvendo o noso proxecto ben definido para a provincia, con partidas realistas, e que se asenta en catro grandes piares: A mellora da mobilidade, a cooperación cos concellos, o apoio aos sectores produtivos, e as políticas sociais”, subliñou o mandatario provincial subliñou ante a Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento.
Mobilidade, un incremento do 100% dos recursos
Como “factor clave para o equilibrio territorial e, polo tanto, para fixar poboación”, José Tomé expuxo que a mobilidade é outras das liñas estratéxicas dos Orzamentos 2025 da Deputación. Dedícalle o 30% dos recursos, entre as actuacións na rede viaria provincial e a cooperación cos concellos para a mellora das estradas municipais.
Avanzou que a investimentos de mellora de estradas a institución provincial dedicará no 2025 máis de 12M€, “cun incremento do 100% con respecto ao presente ano” 2024, e á conservación, 5,5 M€, “o que supón un 10% máis que neste ano”. Un esforzo investidor e un reto dunha dimensión que para explicala “basta lembrar que a Deputación de Lugo ten a rede de estradas provincial máis extensa de toda España, con 4.217 quilómetros, e tres veces maior que a da Xunta na provincia de Lugo”.
Tomé Roca destacou que “máis do 60% do investimento previsto en estradas provinciais, será en Concellos gobernados polo PP, e menos do 40% en Concellos gobernados polo Partidos Socialista e polo BNG”. E comprometeuse a seguir traballando “para conseguir que unha parte dos fondos da Unión Europea se destinen á mellora da mobilidade por estrada, unha vía que eu mesmo abrín no seo da Comisión de Deputacións, Consellos Insulares e Cabidos da Federación Española de Municipios e Provincias”.
Un terzo do Orzamento á rede de protección social
O Goberno provincial, expuxo o Presidente, dedica un terzo do total do Orzamento ás políticas sociais, “o que nos converte nunha das poucas deputacións de toda España que conta cunha rede de protección social tan ampla e eficaz”. Unha rede que ten como piares o servizo de teleasistencia domiciliaria – que atende a 2.000 persoas da provincia, o servizo de axuda no fogar e a rede de centros de atención a maiores.
A Deputación, sinalou o Presidente, conta con 9 residencias en funcionamento en concellos rurais da provincia, que ofrecen 300 prazas asistenciais e crean en torno a 225 postos de traballo directos. E puxo en valor os seus compromisos en materia de residencias: ”Nestes momentos temos en construción outros 4 centros de atención maiores e 5 en trámite, cos que se completaría a rede de 18 residencias na provincia”.
Puxo en valor uns centros “que son referente en España e en Europa por tratarse dun modelo público, co que garantimos unha asistencia de calidade” e un modelo capaz de favorecer “o arraigo dos veciños ao rural, co creamos emprego, sobre todo feminino; e co que dinamizamos as economías locais coa compra de produtos de proximidade para o funcionamento dos centros”.
A Deputación transfire o 20% do seu Orzamento aos 67 concellos da provincia
En canto a cooperación, José Tomé incidiu en que a Deputación de Lugo é o Concello dos Concellos, “un termo que eu mesmo acuñei, e que levamos á practica dende o Goberno provincial todos os días e en todas as accións, de maneira transversal, porque é a mellor maneira de ser útiles aos veciños e veciñas”. De feito, concretou, “a día de hoxe a Deputación é unha administración esencial para o funcionamento dos concellos da nosa provincia, sen a que moitos non poderían prestar os servizos máis básicos”.
Destacou que a Deputación de Lugo transfire cada ano o 20% do seu Orzamento aos 67 concellos da provincia, “seguindo criterios públicos e obxectivos, e cun respecto máximo á autonomía municipal, pois son os propios concellos os que deciden libremente a que fins destinan os recursos económicos que reciben”. E que este ano subimos 250.000€, transferíndolles un total de 22M€.
Fronte a este 20% de fondos da Deputación transferidos aos concellos e a pesar das numerosas ocasións en que a institución o ten solicitado, a Xunta de Galicia “segue sen ter un plan destas características, e o máis semellante, o Fondo de Cooperación Local, manteno ben achicado, pois só lle dedica un 1,1% do total do seu Orzamento”.
Xunto aos recursos económicos, a Deputación de Lugo ofrece asistencia técnica a todos os concellos que así o requiren en materia xurídica, urbanística, en xestión e cobro de impostos municipais, en recursos humanos ou en formación, entre outras cuestións, co que aforran miles de euros e gañan eficacia.
Ademais, “como reforzo de todo ese apoio e asistencia permanente”, explicou José Tomé, desenvolve o proxecto Impulsa TIC, co que proporciona de maneira totalmente gratuíta aos 52 concellos que decidiron adherirse servizos e equipamentos tecnolóxicos para avanzar na modernización e na transformación dixital da administración, e mellorar así o servizo que prestan aos veciños. Para iso, a Deputación conta con 4,5M€ que conseguiu do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que o Goberno de España ten en marcha gracias ós fondos que logrou da Unión Europea.
Apoio ao sector primario co impulso dunha granxa pública de Porco Celta
Polo que respecta aos sectores produtivos, o Presidente subliñou que a Deputación de Lugo “é hoxe un referente en iniciativas públicas en apoio do sector primario, un motor económico fundamental para a provincia”, destacando de cara ao 2025 a aposta por reforzar as liñas de actividade da Granxa Gayoso Castro, onde funciona o primeiro centro público de recría de gando vacún de leite de España e onde “impulsaremos un proxecto estrela para o rural lucense coa construción dunha granxa de porco celta, cun investimento superior ao millón de euros para recuperar esta raza autóctona e para a transferencia do coñecemento como axuda ao sector”.
Unha nova infraestrutura que José Tomé valorou positivamente porque “creará oportunidades formativas para estudantes universitarios, especialmente para os que estudan no Campus Terra os Graos en Veterinaria e Enxeñería Agraria, ofrecendo espazos modernos para a formación e a innovación en gandería, axudando á Facultade de Veterinaria a superar a avaliación que vai ter o próximo ano, para que se manteña nas primeiras do mundo segundo o Ránking de Shangai”.
Un proxecto que a Deputación desenvolverá en apoio á USC para contribuír ao desenvolvemento económico da provincia de Lugo a través dun sector produtivo esencial para a nosa provincia. E que o mandatario provincial explicou que “contribuirá a afianzar a posición da provincia de Lugo no mapa do ensino superior e contribuirá a reter o talento dos mozos e mozas, e a fixar poboación no rural da nosa provincia”.
Destacou que a Granxa Gayoso Castro chegou este ano ao 100% da súa capacidade, con máis de 2.500 animais, e co que os gandeiros aforran custes na recría e gañan en benestar animal e produtividade; a Granxa Experimental de Leite, o primeiro centro público de Galicia que une formación e investigación universitarias en torno ao sector lácteo para poñelas ao servizo dos gandeiros e gandeiras e onde fan prácticas cada ano 500 alumnos e alumnas de Veterinaria e de Enxeñería Agrónoma; a actividade de recría de Rubia Galega para potenciar e mellorar a raza, cunha media de 120 cabezas ao ano; bestas e cabalos para investigación universitaria; e un rabaño de cachenas.
Impulso ao Turismo
No eido turístico, o Presidente destacou que, “unha vez que non temos atrancos vinculados co Partido Popular”, xa están en marcha as obras que restan do Parque Central de Galicia, “un proxecto que contribuirá decididamente ao dinamismo social e económico da Ulloa e do conxunto da provincia”.
A Deputación potenciou o programa Lugo Termal coa suba de investimento e de prazas ofertadas ata as 1.700, “máis das que a propia Xunta de Galicia ofrece para toda a comunidade autónoma co seu programa”; renovará o programa de visitas gratuítas para entidades asociativas Coñece a túa Provincia, no que participaron preto de 9.000 persoas e alcanzou un retorno económico estimado de medio millón de euros dende o seu inicio; e continuará coas rutas fluviais pola Ribeira Sacra, que este ano baterán récord cuns 60.000 viaxeiros.