“Unha actuación fundamental para evitar riscos de inundacións, aumentando a capacidade hidráulica do río Fontecova nun tramo de 300 metros”, explica a alcaldesa, María Loureiro
Viveiro, 4 de movembro de 2024. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, asinou esta tarde en Santiago o convenio de colaboración para realizar as obras que eviten novas inundacións no barrio da Xunqueira coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca.
A actuación, para aumentar a capacidade hidráulica do río Fontecova nun tramo de algo menos de 300 metros, suporá un investimento de preto dun millón de euros.
Despois de numerosas xestións realizadas pola alcaldesa, María Loureiro, realizaranse estas melloras estruturais. “Unhas obras moi necesarias e que terán un impacto enorme na vida dos veciños e veciñas”, explica.
A Deputación de Lugo achegará un total de 192.348,73 euros en tres anualidades; o Concello de Viveiro aportará outros 192.348,74 euros e Augas de Galicia 600.000 euros.
Entre as actuacións máis relevantes está prevista a ampliación do leito do río, con novos muros de contención; a renovación e ampliación da ponte existente pouco máis arriba da estrada autonómica LU-540; a creación dunha obra de drenaxe pegada á ponte medieval Camiño da Fonte; a instalación dunha nova zona verde ao final da rúa na que se situará a fonte pública; e o traslado do actual lavadoiro, que se instalará máis abaixo do curso do río.