Estes programas mellorarán as oportunidades laborais de 40 persoas desempregadas dos dous concellos
Vilalba, 4 de novembro de 2024. A Xunta inviste algo máis de 1 millón de euros para impulsar o obradoiro dual de emprego Terra Chá no Camiño IV, clausurado hoxe, e para darlle continuidade cunha quinta edición que comezará este ano e durará nove meses. Ambos están promovidos polo Concello de Vilalba asociado co de Abadín.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe en Vilalba na entrega de diplomas aos alumnos–traballadores que completaron o programa que acaba de finalizar. Destacou que o financiamento da Xunta inclúe incentivos para a contratación de todos os participantes en empresas unha vez rematada a actividade.
Cada taller ofrece formación teórica e práctica a 20 persoas desempregadas en oficios con boa saída laboral. En Vilalba o próximo obradoiro impartirá as mesmas especialidades que o anterior, relacionadas coa gravación e tratamento de datos e documentos e co mantemento de zonas verdes. En Abadín, nos últimos meses impartíronse ensinanzas de carpintería e moble; mentres que agora centraranse na albanelería.
Ao tempo que adquiren experiencia laboral, os obradoiros realizan obras de interese social en espazos públicos dos concellos. Así, en Vilalba os alumnos e alumnas continuarán coa organización e dixitalización do arquivo municipal e co acondicionamento de xardíns e espazos verdes como os da praza da Constitución, o auditorio, a igrexa de Santa María ou a área recreativa da Magdalena.
No que respecta a Abadín, as actuacións realizadas incluíron a renovación de varandas de madeira na avenida de Galicia e na rúa Real de Gontán; ou a disposición de cubre contedores en Gontán, entre outras. O seguinte taller traballará na execución dunha beirarrúa nunha rúa de nova apertura do casco urbano.