A nova asociación está conformada por Juan Manuel Sánchez, Raquel Trasancos, Cristina Parapar, Pablo Guijarro, Gerardo Veiga e Hugo Ron
Viveiro, 3 de novembro de 2024. Viveiro contará cunha nova comisión que organice a próxima edición das festas patronais de San Roque, que se celebrarán no municipio os días 14, 15 e 16 de agosto do ano 2025.
Esta nova asociación está conformada por Juan Manuel Sánchez, Raquel Trasancos, Cristina Parapar, Pablo Guijarro, Gerardo Veiga e Hugo Ron.
Esta iniciativa nace co obxectivo de “revitalizar as festas de San Roque e conseguir impregnar un sentimento de pertenza na xente de Viveiro cara as festas que neste momento non existe” indican desde a comisión.
“A nosa idea é a de organizar unhas festas con cabida para todas as franxas de idade e todos os gustos, co fin de que a xente poda gozar da vila nunha das datas máis sinaladas do ano” continúan.
Desde a asociación indican que a primeira acción que van organizar para recadar fondos é a celebración dunha cea de nadal, da que darán información na súa páxina de Facebook e Instagram (@viveiroenfestas) durante os próximos días.
Un pouco máis adiante, a comisión realizará un acto aberto a todo o mundo, para que calquera persoa que queira colaborar, dunha forma ou outra, poida facelo.
Por último, desde a organización queren animar a todos os veciños de Viveiro a ser partícipes deste proxecto, que ten como fin o de enxalzar as festas patronais e que cada veciño e cada veciña considéreas como súas.