Mondoñedo, 31 de outubro de 2024. A deputada de Cultura Iria Castro participou na presentación do Breason que se celebra o 9 de novembro en Mondoñedo. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora coa Asociación Cultural Xoldra na organización do festival,con actuacións de Ortiga, De Ninghures, Cool Nenas, Terbutalina, Brassica Rapa, La Duendeneta e Meniñ@s da Mariña, formada pol@s alumn@s da escola da Asociación de Música de Baile Tradicional Gaita Escola de Mondoñedo.
Iria Castro expresou “o apoio da Vicepresidencia da Deputación a este festival, que conta co impulso da Asociación Cultural Xoldra e da mocidade mindoniense comprometida coa música e a cultura en galego, como reflicte o cartel desta segunda edición que reúne algunhas das bandas e artistas máis recoñecidos da música en galego actual”
O programa comeza ás 12.00 horas cunha “sesión vermú” con La Duendeneta e Brassica Rapa, e continúa de tarde, con obradoiros de artesanía -títeres, olería e cantería- no barrio dos Muíños e un magosto popular. Os concertos, con entrada de balde, comezarán ás 21.00 horas na Praza da Catedral. A organización habilitará unha zona de “acampada interior” na área deportiva Viñas da Veiga.
Apoio da Xunta
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación dos concertos e actividades paralelas. Arias felicitou á organización “polo seu acerto ao deseñar un festival para todos os públicos”, que mostra “o potencial de Mondoñedo para acoller propostas lúdicas e culturais de todo tipo” e axuda a dinamizar o concello nesta época do ano.
Tamén gabou a aposta por “promocionar os grupos de música locais e galegos”, en sintonía coas accións que impulsa a Xunta para difundir “o talento creativo que temos en Galicia en todos os campos”.