Burela, 31 de outubro, 2024. O Concello de Burela e o IES Perdouro iniciaron este mércores a emisión dun programa de radio mensual dentro do marco da estratexia de promoción da saúde e de prevención do Ministerio de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde. Esta nova aventura que leva por título Radio Saúde Burela emitirase os últimos mércores de cada mes como unha sección do programa Proxecto Neo, espazo de radio educativa do IES Perdouro que xa leva 14 anos nas ondas.
Nesta ocasión, para presentar esta iniciativa participou en primeiro lugar Catalina Caamaño, farmacéutica do Centro de Saúde de Burela e coordinadora da estratexia neste concello. Presentou os obxectivos desta actuación do Ministerio e as súas expectativas ante este novo proxecto radiofónico que describe como ilusionante. A continuación, Alicia Rama, traballadora Social no Servizo Galego de Saúde e unha das responsables da Rede Galega de Promoción de Saúde na Área Sanitaria de Lugo, informou dos obxectivos deste programa para promocionar hábitos saudables e previr a vida sedentaria e a obesidade. Explicou tamén o seu labor estendendo a estratexia polos concellos da provincia.
No programa estiveron tamén representados os centros educativos de Burela. As vicedirectoras do IES Perdouro e o IES Monte Castelo, Miruca Parga e Rocío Fraga, e a directora do CEIP Virxe de Carme, Pepa Amor, expuxeron as actuacións que nos seus respectivos colexios e institutos se levan a cabo para colaborar cos obxectivos propostos polo Ministerio e o SERGAS.
Logo interviñeron Rosa Fraga, de Atención Temperá; Maite Lanza, da Unidade Asistencial á Drogodependencia do concello de Burela, e Aranzazu Miguel, médica no Centro de Saúde do mesmo concello. Todas insistiron na importancia da promoción da saúde e da prevención desde os seus respectivos ámbitos.
Nos seguintes programas mensuais trataranse diferentes temáticas como a violencia de xénero, os efectos do consumo de alcohol e doutras substancias, a alimentación e a nutrición, a saúde mental, a sexualidade etc
O programa está coordinado por Vanesa Vilaverde baixo a dirección técnica de Karina Parga, ambas as dúas profesoras do IES Perdouro de Burela. A responsable da memoria gráfica é Lucía Rivas e, como se trata de radio educativa, as locutoras e locutores de Proxecto Neo son alumnado de educación secundaria que presenta aos convidados e realiza as preguntas que conforman as entrevistas.
Proxecto Neo pode escoitarse os xoves de 18:00 a 19:00h en Radio Foz e tamén se difunde en Radio Valadouro, Cuac FM da Coruña, Radio Filispín de Ferrol, Xente de Teo de Compostela e Radio Piratona de Vigo. Tamén se pode acceder ao programa como radio á carta no blog https://proxectoneo.blogspot.com/ e na páxina web do IES Perdouro.