As actividades comezan este xoves cun encontro con colectivos sociais e artísticos no Museo Provincial de Lugo
Lugo, 30 de outubro de 2024. A Rede Museística Provincial desenvolverá ao longo do mes de novembro o programa de visitas guiadas “Rompe o silencio. Non hai escusa” nas que se amosará a desigualdade e a violencia contra as mulleres como un elemento estrutural que se reflicte tamén na representación das mulleres en obras de arte de distintas etapas históricas.
Baixo a premisa da interseccionalidade, os itinerarios están deseñados para sinalar a interrelación entre a desigualdade de xénero e outros factores como a raza, a clase social, a orientación sexual, a discapacidade, a idade ou orixe étnica, que crean formas específicas e complexas de discriminación.
Os percorridos referencianse tamén no Convenio de Istambul, empregando as pezas artísticas para ilustrar aspectos fundamentais deste tratado xurídico internacional que recoñece a violencia de xénero como unha violación dos dereitos humanos e sinala a igualdade de xénero como clave para previla.
De maneira previa ás visitas, que se desenvolverán nos catro museos provincia, este xoves -31 de outubro- o Museo Provincial de Lugo acolle o encontro “Eliminación da violencia contra as mulleres: a mirada interseccional e a comprensión da lei a través da arte”, aberto á participación de colectivos e profesionais do ámbito social e artístico intersados na temática.
Visitas pola Igualdade
Museo Provincial de Lugo: Tradución da lei contra a violencia de xénero mediante pezas museísticas.
Horario: Sábados de novembro ás 11.00 h.
Museo Fortaleza San Paio de Narla: “SoTERRAdas” – Descubrindo a obra “Delitos carnais” de Luz Darriba e a lenda de Catarina.
Horario: Sábados de novembro ás 12.00 h e ás 17.00 h.
Museo do Mar de San Cibrao: “Mareas de cambio” – Loitando pola eliminación da violencia contra as nenas.
Horario: Sábados de novembro ás 12.00 h.
Pazo do Tor: “Abrazando o bo trato” – Reflexión sobre a violencia de xénero nas mulleres maiores.
Data: 20 de novembro ás 11.00 h.
Outras accións
O programa tamén inclúe unha actividade interactiva na que as persoas poden expresar as súas experiencias, sentimentos e opinións a través dun altofalante, ademais de participar nun photocall para visibilizar a loita contra a violencia de xénero.