Dende o Grupo Provincial Popular recordan como socialistas e nacionalistas votaron onte en contra de que todas as administracións colaborasen para paliar os danos sufridos no sector agrogandeiro derivados das inclemencias meteorolóxicas
Lugo, 30 de outubro de 2024. Os deputados do Grupo Provincial Popular esixen “unha reflexión” a PSOE e BNG despois de que o goberno provincial cualificase onte de “tontería” a moción do PP para pedir axudas e colaboración á Deputación, Xunta de Galicia e Goberno central para os afectados polo furacán Kirk.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, considera que tanto socialistas como nacionalistas deben de “reflexionar e, incluso, pedir desculpas aos afectados” xa que o sector agrogandeiro “é vital” para a economía da provincia. “Dicir que é unha ‘tontería’ e que a moción na que se pedían axudas para os afectados ‘non vale nin para envolver o papel do queixo’ non é digno de ningún político e menos dun goberno provincial, ademais dunha falta de respecto a gandeiros e agricultores desta provincia”, afirmou.
Ademais, Ameijide ve “cando menos curiosas” as escusas dadas polo goberno provincial para votar en contra desta petición de axudas a todas as administracións. “Din que non teñen competencias na materia, pero uns minutos antes aprobouse por unanimidade destinar 1M€ para un proxecto de desenvolvemento agrogandeiro co que, por suposto, tamén estamos de acordo”, explicou.
A moción dos populares pedía a colaboración da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e o Goberno central:
A Deputación cunha liña extraordinaria de axudas directas
A Xunta de Galicia aumentando os fondos para que os gandeiros e agricultores contraten seguros
O Goberno central cooperando para paliar os danos sufridos