Ribadeo, 30 de outubro de 2024. Ribadeo elimina as barreiras arquitectónicas da Escola de Música coa instalación dun ascensor. O investimento ascende a 40.000 euros, financiados na súa totalidade pola Xunta. O alcalde, Dani Vega, subliña a inversión realizada neste inmoble ao que se destinaron 45.000 euros para a renovación de ventás.
O rexedor declarou: “seguimos traballando para eliminar barreiras arquitectónicas dos edificios municipais. Neste caso estamos mellorando a accesibilidade da Escola de Música, concretamente na rampla lateral e tamén colocando e instalando un ascensor. É un paso moi importante dado que a Escola de Música ten moitos alumnos e hai moita actividade”.
Vega subliñou: “tiñamos que apostar decididamente por instalar un ascensor, de facer esa inversión e ter a capacidade de xestionalo para non ter que poñer recursos propios. Neste caso, a Xunta fináncianos con 40.000 euros, é dicir a obra 100%, e tamén recordar que nesta escola fíxose un traballo de renovación das ventás, é dicir do peche desta escola, que tamén supuxo moito”.
O alcalde asegurou que aínda queda moito por facer: “a Escola de Música necesita máis inversión, vamos ter que xestionar máis partidas presupostarias para seguir mellorando e renovando todas as ventás, todo o peche, pero é un salto importante, un salto cualitativo xa que dunha vez por todas, estamos a falar de eliminación de barreiras arquitectónicas dos edificios municipais. E na Escola de Música era moi importante dar ese paso”.
Dani Vega engadiu: “polo tanto, unha nova inversión, un novo convenio firmado coa Xunta de Galicia, e neste caso unha nova subvención, unha inversión total de 85.000 euros, estamos a falar que se investiron na Escola de Música”.