Nota de Prensa
TURERO: ‘DEIXO COMPAÑEIROS EXCEPCIONAIS NO BALTICFLORA’
Tras unha curta pero tamén intensísima experiencia no fútbol sala checo, o mariñán Rubén Freije, Turero, regresou hai uns días a España e ao Burela FS. As dificultades económicas do que era o seu club en 2010-11, o Balticflora Teplice, interromperon a prometedora tempada do pivote, que estaba demostrando unha boa adaptación, dispoñendo de numerosos minutos de xogo. O deportista trabadense volve co recordo “duns compañeiros excepcionais, que o enriqueceron persoal e deportivamente”.
Nestes dous meses e medio, Turero non quixo desaproveitar ningunha oportunidade; axiña conseguiu superar a morriña e salvar a distancia cultural. “Os primeiros días foron difíciles; era a miña primeira experiencia fóra de Burela e botaba de menos a familia e os amigos. No entanto, o ambiente do vestiario axudoume moito; a maior parte dos xogadores eran portugueses e brasileiros e esa proximidade cultural fíxome sentirme cómodo en pouco tempo”, explicou o burelista, que tamén recoñeceu o rápido acoplamento deportivo: “A comunicación co adestrador era doada, porque tamén era portugués, e a súa idea de ver o xogo era moi similar á española; ademais contei cos consellos do veterano Joao Leite”.
A súa relación co Balticflora foi cordial, aínda que moi afastada do coidado que se demostra nas entidades españolas. “O que peor levei foi a frialdade do club. O trato cara aos xogadores era moi distante, algo ao que non estou acostumado pola miña experiencia no Burela FS; tan só se preocupaban polos resultados, independentemente da situación e problemática de cada xogador”.