Ribadeo, 25 de outubro de 2024. Ribadeo seguirá pelexando e loitando polo segundo acceso á vila desde a Autovía do Cantábrico, a A-8- O alcalde, Dani Vega, lamenta a negativa do goberno central.
O rexedor declarou: “lamentable, temos que dicir que estamos totalmente decepcionados coa contestación que lle deu o goberno ao grupo maioritario no Senado, ao Grupo Popular. Non entendemos como o goberno central contesta certamente sen ningún tipo de análise técnico, sen ningún tipo de proxecto. É unha contestación de que xa non vai a ter ningún outro acceso Ribadeo, é máis xa que chegan a dicir que é suficiente o acceso que ten Ribadeo”.
Para Vega “este goberno actual descoñece o que é Ribadeo, descoñece que as vilas teñen que estar ben comunicadas e aproveitar cando pasa unha autovía para ter o maior número de accesos que se poida. Nosoutros non estamos pedindo nada que non se pedira con anterioridade, que non pedira ningún outro goberno. Creo que o Concello sempre mantivo a mesma petición. Todos os gobernos, polo menos todos os alcaldes pediron o mesmo: un segundo acceso a Ribadeo e nosoutros seguimos instando a goberno central. Hai un acordo parlamentario, hai un acordo tamén municipal”.
O alcalde considera que “habendo un acordo unánime tanto no Concello como no Congreso dos Deputados, neste caso tamén no Senado, pois non entendo como o goberno central se nega total e absolutamente a construír un novo acceso a Ribadeo. É dicir nin a construílo porque proxectos hai. Hai proxectos por activa e por pasiva. Pero non é facer proxectos, é facer un proxecto que se leve a cabo dunha vez por todas. E niso é no que vamos seguir pelexando e vámolo seguir loitando, con este e con futuros gobernos”.
Vega subliñou: “vamos instar outra vez ao goberno central a que redacte un proxecto e a que ese proxecto se concrete nese segundo acceso a Ribadeo. É importantísimo. Nunha vila turística, nunha vila de servizos, nun pobo comercial, nun pobo empresarial, que teñamos bos accesos, boas comunicacións e por iso vamos seguir loitando e pelexando”.