A Pontenova, 24 de outubro de 2024. Ante a pretensión por parte do Ministerio de Transportes de suprimir diversas paradas de transporte colectivo por estrada por toda Galiza, medida ligada á Lei de Mobilidade Sustentábel que se atopa actualmente como proxecto de lei en tramitación, e que afecta, entre moitos outros, a concellos como o da Pontenova, o BNG fará chegar as inquedanzas da veciñanza ao alcalde Darío Campos no próximo pleno co obxectivo de que traslade esta realidade ao seu partido no Goberno.
“Tendo en conta que é un servizo que moitos veciños, veciñas e turistas empregan de forma regular para desprazarse a outras comunidades ou incluso dentro de Galiza, é preciso que se tomen cartas no asunto para evitar esta desarticulación das nosas comunicacións”, afirman dende o BNG da Pontenova con Xorxe Gómez á cabeza.
Tal proposta simplemente demostra o desinterese e descoñecemento en torno á propia realidade territorial galega.
A supresión de paradas prexudicaría aínda máis a realidade territorial galega, a cal historicamente xa se ve fortemente afectada pola carencia de transportes, xerando un gran impacto negativo nas comunicacións no rural e deste coas cidades, en especial neses 22 concellos de toda Galiza nos que está prevista a eliminación destas paradas, deixando sen servizos de transporte público por estrada a un total de 136.000 galegos e galegas. Ante esta situación, o deputado no Congreso polo BNG, Néstor Rego, trasladou toda unha serie de preguntas ao Goberno co obxectivo de “retirar esta proposta e manter, cando menos os actuais servizos, así como analizar conxuntamente coa Xunta de Galiza, a situación de cada unha das vilas afectadas para ampliar e mellorar os servizos de transporte”.
De nada serven os baños de masas cando non se ten interese pola veciñanza
Dende o BNG consideran incoherente que estas medidas de redución de transporte público vaian acorde coas propostas por unha mobilidade máis sustentábel que formulaba o Ministerio de Transportes, pois isto implicaría o aumento dos usos do coche. Do mesmo xeito, todo elo demostra a carencia dun compromiso real por parte do Goberno coa súa idea de dotar ao rural das infraestruturas e servizos necesarios para o seu correcto desenvolvemento, así como por garantir o afianzamento da poboación nestes núcleos máis pequenos. De nada serve darse un baño de masas aproveitando a comida polo Día do Veciño o mesmo día que se deixa a moitos veciños e veciñas de toda Galiza e en especial da provincia de Lugo sen medios e sen liberdade para o movemento en transporte público por toda a xeografía galega e entre comunidades.