“Desde o BNG de Ribadeo animamos á veciñanza a solicitar información sobre este e outros asuntos no Concello”
Ribadeo, 18 de outubro, 2024. Na mañá deste venres, o grupo municipal do BNG de Ribadeo co seu voceiro, Pablo Vizoso á cabeza, presentou no concello un recurso de reposición para que se recoñeza o acceso á información solicitada sobre a conta de gasto do ano 2024 e se recoñeza, tamén, a vulneración dos dereitos fundamentais que sufriu o concelleiro.
O voceiro Pablo Vizoso declarou: “Esta semana o goberno municipal pasou outra liña vermella e volveu denegar o acceso a información sobre a conta de gasto do ano 2024. É a segunda vez, en pouco máis de quince días, que o goberno municipal nos denega este acceso. Isto non fai máis que aumentar o noso temor a atoparnos cun gasto descontrolado como vimos denunciando nos último tempos. Non ten sentido que nos deneguen esta información a non ser que teñan algo que ocultar. Teñen algo que ocultar desde o goberno? Esa é a pregunta que lle lanzamos ao goberno do PP e a propia sociedade ribadense, á que animamos desde aquí a que acuda ao consistorio a pedir tamén información sobre esta conta de gasto e outros asuntos”.
Para rematar, Vizoso engadiu: “Por toda esta ocultación de información de xeito reiterado, hoxe presentamos ante o Concello este recurso de reposición e anunciamos que acudiremos nos próximos días á Valedora do Pobo e incluso a xurisdición contencioso-administrativa, se esta situación persiste, para garantir o libre acceso a información. Mal camiño tomaron desde o goberno municipal cando pretenden ocultarnos información de xeito sistemático; algo moi grave deben tratar de tapar”.