Foz, 17 Outubro, 2024. A Plataforma de Afectados por a subida Abusiva de tarifas na Residencia e Centro de Dia de Foz explica que: “No día de onte confirmouse o que xa se sospeitaba: o Concello de Foz débelle á actual concesionaria da Residencia e Centro de Día unha cantidade superior ós 150.000 euros, é dicir, cinco mensualidades do servicio completas. Dada a gravidade da situación e os evidentes prexuízos que isto nos vai a supoñer, manifestamos ante a opinión pública o seguinte”:
1. “As circunstancias que enfrontamos lévanse xestando moito tempo, en concreto, dende mediados do ano 2.022, momento en que o señor Cajoto puxo en marcha na Residencia e Centro de Día a súa particular forma de “xestionar” que, como ben é sabido, caracterízase por dous elementos inseparables: que o que antes funcionaba perfectamente deixa de facelo, e que a culpa sempre é dos demais. No caso específico que nos ocupa, súmalle o mérito adicional de ter logrado enfrontarse ó mesmo tempo ós usuarios e ás súas familias, ós traballadores, á empresa concesionaria, á Xunta de Galicia, á oposición, e ata ó seu socio de goberno, só para acabar provocando que o Concello se vexa arrastrado ós tribunais. Todo un récord do que pode sentirse orgulloso sen que lle preocupe demasiado, pois, ó fin e ó cabo, a desfeita imos a pagala entre todos os veciños e veciñas de Foz: honorarios de avogados e peritaxes, costas procesuais, intereses de demora, danos e prexuízos, máis un longo etcétera”.
2. “Centrándonos na falta de pago, comezaremos por dicir que é inaudito – ata o punto de producir vergoña allea -, que nos dous últimos plenos, sen ningún tipo de rubor, o alcalde e as responsables das dúas áreas directamente afectadas non fosen capaces de responder ás preguntas da oposición sobre o estado da conta co concesionario. En especial se temos presente que os tres perciben retribucións do Concello para o desempeño das súas funcións, con dedicación exclusiva no caso da Sra. Rojo. Preguntámonos – retoricamente – se tamén houbo problemas con estes pagos ou si, pola contra, están ó día na percepción de tales retribucións. E, de ser así, que lles fai pensar que eles teñen dereito a cobrar polos seus servicios mentres os demais vemos como entre os tres, coa súa temeridade, poñen en serio perigo o servicio ós nosos maiores”.
3. “Tamén debemos sinalar que é un paradoxo o feito de que se estean a incumprir os acordos adoptados por unanimidade do pleno en sesións de Xaneiro e Febreiro de 2.023 respecto do copagamento dos servicios da Residencia e Centro de Día, tratándose como se trata do mesmo alcalde que con tanta facilidade da leccións de Dereito ó tempo que, con moita soltura, acusa a uns e a outros de supostas prevaricacións. Acordos, compre lembralo, que el mesmo propuxo e defendeu ante a corporación, cos que, parece ser, agora non se sente obrigado, algo que resume moi ben a súa credibilidade e solvencia á hora de dar respostas a todo este asunto”.
4. “Pola nosa banda, e a pesares dos seus intentos de confundir, consideramos como únicos responsables da falta de pagamento ó alcalde, á concelleira de Economía e á concelleira de Servicios Sociais, cuxas neglixencia e falta de capacidade de xestión contan co silencio cómplice e o amparo dos demais membros do grupo municipal do PSdG-PSOE, voluntarios convidados de pedra en toda esta historia”.
“Por si a alguén lle quedaba algunha dúbida, nas últimas semanas fixeron todo o posible por demostrarnos que prefiren a fotografía e o teatro político fronte a seriedade; a demagoxia e a confrontación antes que a negociación, o consenso e o liderado na procura de solucións. En todo este tempo, nin un só achegamento ós damnificados polo seu proceder, nin unha sola explicación. Iso si, moito fume e, sobre todo, moitas excursións, incluso para visitar unha institución como a Valedora do Pobo, cuxa intervención agora esixen mentres eles non responden ós requirimentos que a mesma lles leva feito en relación ás reclamacións presentadas por varios cidadáns sobre os máis diversos asuntos”.
“Ou a última, ó seu correlixionario político da FEGAMP, que parece ter mellor resultado que a apelación da Plataforma ó señor Tomé, home ocupado onde os haxa, que nin tivo tempo de dar acuse de recibo á nosa comunicación a pesares da súa cacarexada preocupación polos asuntos de calado social”.
“A resposta dada pola señora Couto á denuncia presentada pola empresa é unha nova mostra do que vimos dicindo: incapaz de negar os feitos, tenta virala tortilla, faltándolle ó respecto ós cidadáns, ós que está claro que toma por parvos. Só así pode explicarse que cualifique de “circunstancial” unha falta de pagos de case medio ano. Que responsabilice á empresa das sucesivas resolucións ditadas polo TACGAL contra o Concello – algo mal deberon facer eles cando dito tribunal chegou o punto de declarar plenamente nulos os pregos da licitación -. Ou que pretenda vender a idea de que, dado que a empresa ten outras actividades, esta ven obrigada a cubrir a neglixente xestión económica do Concello de Foz”.
“Polo demais, nada que dicir respecto a súas mencións a subterfuxios, escusas e á falta de seriedade, materias todas elas nas que ten demostrado un amplo dominio e mestría, aínda que os resultados, como está a vista, non sempre son os que ela desexaría”.
5. “Así as cousas, esiximos que o Concello de Foz, dando cumprimento ós acordos plenarios mencionados, regularice inmediatamente a situación coa actual concesionaria da Residencia e Centro de Día”.
“De non facelo, o alcalde, a concelleira de Economía e a concelleira de Servicios Sociais – con todos os seus silenciosos cómplices –, sendo únicos responsables das causas, tamén o serán das alteracións que loxicamente van producirse no servizo, ata o punto de poñer a súa normal continuidade en risco. Saben – porque lle foi comunicado formalmente ó Concello xa fai máis de ano e medio – que a empresa se atopa en situación de concurso de acredores. Con todo, parecen ser os únicos que non son conscientes dos efectos que a morosidade do Concello está tendo na mesma e, a través dela, de inmediato, nos traballadores, nos usuarios e nos provedores, a inmensa maioría deles veciños da nosa vila. Ou tal vez non lles importe, sempre a cando poidan sacar un miserable e vergoñento rédito político dun conflito que non fan máis que atizar e no que pretenden empregarnos como reféns”.
6. “Para rematar, comunicamos que, en asemblea celebrada no día de onte, acordamos iniciar os trámites necesarios para converternos en asociación permanente con plena personalidade xurídica. Isto permitiranos defender máis eficazmente aos nosos seres queridos das fauces de intereses especulativos e, chegado o caso e de ser preciso, nos facilitará intervir nos procedementos legais que poidan xerarse en todo o relativo a Residencia e Centro de Día de Foz”.