A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, clausurou hoxe as Xornadas Capacita 2024
Lugo, 16 de outubro de 2024. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que un dos obxectivos da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que se aprobará a vindeira semana no Pleno do Parlamento, é promover o peche dos ciclos produtivos na comunidade autónoma e xerar industria de transformación.
Así o salientou hoxe na clausura do ciclo de xornadas Capacita 2024, organizadas polo Instituto Económico de Galicia (Igape), en colaboración co Círculo de Empresarios de Galicia, Nordés Club Empresarial e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e que, nesta última convocatoria, abordaron o tema: “Galicia con Sinerxía. Recursos naturais (pedra, madeira, cerámica). Economía circular. Moda”.
Na súa intervención, Lorenzana explicou que a Lei de Recursos Naturais busca “conciliar o aproveitamento dos recursos naturais con que eses beneficios vaian ás nosas empresas e ás nosas industrias, garantindo sempre o respecto ao territorio e potenciando o binomio entre a enerxía e a industria, que é fundamental para continuar avanzando”.
“Temos unha vantaxe competitiva inmensa en Galicia e temos que ter estratexia, intelixencia, talento, e a colaboración suficiente para pensar a medio e a longo prazo que queremos facer en Galicia”, apuntou. Eses recursos naturais, proseguiu, “son unha das claves para que realmente Galicia poida despuntar neste momento económico tan complexo a nivel internacional pero tamén cheo de moitísimas oportunidades”.
Lorenzana defendeu a postura da Xunta de facer compatible o aproveitamento dos recurso naturais –“e, polo tanto, da xeración de riqueza, de economía, de industria en Galicia”-, e o respecto absoluto ao territorio e ao medio ambiente. “Isto é compatible, podémolo conseguir con sentido común, con rigorosidade e traballando con todo o tecido produtivo”, abondou.
“Se conseguimos todo isto, conseguiremos crear un modelo de desenvolvemento sustentable que beneficie tanto ás empresas, como ao medio ambiente, como á nosa xente, e conseguiremos crear riqueza e benestar”, dixo, para sinalar que “as sinerxías entre os distintos sectores son fundamentais para, pouco a pouco, impulsar unha transformación positiva na economía”.
Nesta liña, en relación á temática das xornadas, a conselleira avogou por impulsar a economía circular en determinados sectores como o téxtil; en seguir promovendo a construción en madeira -co futuro mercado voluntario de créditos de carbono que incorpora a Lei de recursos naturais-; en avanzar no autoabastecemento de minerais propios ou na implantación das enerxías renovables en todos os eidos.
Lorenzana concluíu destacando a importancia da formación e de atraer e afianzar talento nas empresas como fórmula para incrementar a súa competitividade. E, ao respecto, destacou os resultados do programa Capacita Directivos do Igape desde 2015, con máis de 90 actividades formativas programadas, máis de 19.000 participantes e un investimento que acada os 1,5M€.