O deputado mariñao Daniel Castro asistíu tamén este luns á concentración de protesta diante do colexio
A Mariña, martes 15 de outubro. Desde o BNG manifestan o seu total apoio ás medidas de presión desenvolvidas pola ANPA do CEIP Castro de Ouro de Alfoz que no día de hoxe se concretan no inicio dunha folga indefinida, ao non atender a Xunta as xustas demandas da comunidade educativa de Alfoz. Desde o inicio de curso as protestas foron contínuas. A problemática foi levada ao Parlamento por Daniel Castro quen en sesión plenaria a semana interpelou ao Conselleiro de Educación, exixíndolle non levar a cabo os agrupamentos do alumnado de diferentes ciclos educativos do Ceip Castro de Ouro, ao contar este co alumnado suficiente segundo os acordos asinados e solicitando tamén un profesional de Pedagoxía Terapéutica.
O Partido Popular abandona os colexios do rural
“Nesa sesión, á que asistiron nais de Alfoz, o conselleiro non se comprometeu a ningunha solución facendo gala dun absoluto descoñecemento da situación educativa no colexio, o que da fé do desleixo e nula preocupación do Partido Popular polo que acontece nos nosos colexios dos concellos rurais” afimou Castro, quen asegurou tamén que “na Conselleria son coñecedores desta problemática desde o mes de xuño, cando o colexio lles enviou escritos, tendo a calada por resposta, algo inadmisible e indigno por parte dos responsables desa institución”.
Castro, que acude ás mobilización convocadas pola ANPA desde o inicio das mesmas afirmou tamén que desde o BNG seguirán cóbado a cóbado coas nais e pais e toda a comunidade educativa en todo canto sexa preciso e lles demanden.