A obra de acondicionamento de diferentes camiños, foi cofinanciada pola Xunta de Galicia con fondos AGADER, e supón un investimento de preto de 30.000 euros
Cervo, 14 de outubro de 2024.- O Concello de Cervo acomete estes días traballos de mellora de distintas arterias de comunicación do lugar de Espiñeirido.
En concreto, actuouse nun tramo de 680 metros lineais cuxa superficie total ascende a 2.380,00m².
A alcaldesa, Dolores García Caramés, e a concelleira de Obras, Mali Méndez, achegáronse ata a zona para ver in situ a actuación que supón unha mellora da rede viaria deste burgo e que está cofinanciada pola Xunta de Galicia, con fondos AGADER dentro do Plan Marco de Melloras de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas e que supuxo un investimento de preto de 30.000 euros -29.441,53 euros concretamente-.
Caramés explicou que a obra foi concibida co obxectivo de mellorar o firme destes camiños coa incorporación dunha nova capa de saburra compactada, máis axeitada ás características do tráfico rodado que soportan estas pistas e tamén está prevista a mellora da seguridade viaria coa instalación de elementos de sinalización vertical.
A alcaldesa fixo fincapé na importancia deste tipo de actuacións “que contribúen a poñer en valor o noso rural, facéndoo máis seguro e accesible”; un aspecto sobre o que incidimos en cada obra que abarcamos.