Daniel Castro advertiu da diminución da calidade no centro e instou a recuperar a praza de especialista en Pedagoxía Terapéutica
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2024. O deputado mariñán, Daniel Castro, exixiulle ao Conselleiro de Educación durante a sesión plenaria desta tarde, non levar a cabo os agrupamentos do alumnado de diferentes ciclos educativos no CEIP Plurilingüe Castro de Ouro de Alfoz, “ao contar este co alumnado suficiente” segundo os acordos asinados.
Daniel Castro cuestionou ao goberno sobre como afectará á calidade da educación do centro. “Vostedes cren que isto favorece o asentamento de familias no rural? É isto un exemplo do ano de máis modernización do ensino en Galiza?”.
Ante esta diminución da calidade educativa e ao ver como a Xunta de Galiza desoe de maneira deliberada as peticións dos e das afectadas “faise necesario que o goberno galego resolva estas eivas de xeito inmediato” salientou Castro.
Por esta razón, o BNG ve inxusta esta situación xa que o propio acordo de agrupamentos indicaba que “se podería agrupar o alumnado de primaria pertencente a distinto ciclo nunha mesma unidade cando o número sexa igual ou inferior a 12” sinalou. Pola contra, no CEIP Plurilingüe Castro de Ouro contan con 15 alumnos nun dos agrupamentos.
Desde o colexio Castro de Ouro enviáronlle cartas tanto ao conselleiro como á Consellería no mes de xuño e o único que tiveron “foi a calada por resposta” apuntou Castro. Os nenos e nenas de Alfoz precisan un mestre ou mestra máis e que se desfaga ese agrupamento e tamén precisan un profesional para Pedagoxía Terapéutica.
O deputado nacionalista salientou que ao ser un centro situado nun concello rural, “fai máis difícil de entender que a Xunta de Galiza non teña nin a máis mínima intención de favorecer o asentamento de familias no rural galego”, introducindo medidas que provocan o efecto contrario.
A esta sesión plenaria o deputado nacionalista estivo acompañado pola ANPA do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro de Alfoz