Critica unha intervención que tilda de “refrito”, centrada en cargar contra todas as persoas que non pensan como o PP, “ás que despreza e insulta”
Santiago de Compostela, 8 outubro 2024. A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou a Alfonso Rueda de ter como prioridades o espolio eólico e colocar a bomba ambiental de ALTRI no corazón do País, logo dunha comparecencia parlamentaria que o presidente da Xunta utilizou como debate da nación encuberto con tempo ilimitado mentres reducía a dez minutos a intervención do BNG, unha mostra da súa “covardía política e do seu talante pouco democrático”.
Un debate do estado da nación trucado no que, en todo caso, demostrou que “non ten ningún proxecto de futuro nin ningunha alternativa” pois a intervención quedou convertida en pouco máis que un “refrito de iniciativas xa presentadas”, algunhas delas das que dicían que xa estaban funcionando, ademais de facer anuncios “nos que copia ao BNG”, como o da creación agora dunha fundación pública para a ciencia, a imitación do INNOGAL que a formación nacionalista leva anos reclamando e que sempre contou co veto do PP.
Pontón foi moi crítica co ton e co enfoque da intervención de Rueda porque “cargou contra todas as persoas que non pensan como o Partido Popular, ás que menospreza e insulta”, chegando a falar de ‘minorías ruidosas’.
“A que minoría se refire? Aos pais e nais que se poñen destras dunha pancarta, si, para reclamar que os seus fillos e fillas con necesidades educativas especiais sexan atendidos? Aos que reclaman pediatra ao longo e ancho do País ou chama minoría ruidosa ós 715.000 galegos e galegas que non votaron ao PP nas pasadas eleccións?”, interpelou, para pedirlle a Rueda que “escoite e respecte” a toda a xente que non pensa coma el.
Desbloquear o espolio
Na súa quenda de palabra, a portavoz nacional replicou as liñas políticas anunciadas polo titular do Executivo das que se deducen dúas claras prioridades: branquear o espolio eólico e colocar a bomba ambiental de ALTRI no corazón do País.
Sobre a primeira, recriminou a Rueda que lle poña unha alfombra vermella ao lobby eléctrico para que “se forre roubándonos o vento” e, por riba, pretende branquear ese espolio anunciando unha comercializadora privada no 70% como se fose a panacea que permitirá compensar a Galiza polos custes económicos, ambientais e sociais de ser produtora neta de enerxía.
“Barcelona ten unha comercializadora e Madrid pode crear unha mañá mesmo con cero eólicos, polo tanto, unha comercializadora non é un elemento de compensación por ter os nosos montes cheos de muíños”, afondou Pontón, quen acusou ao PP de poñer pola contra “recursos públicos para que as eléctricas non teñan que compensarnos a costa dos seus beneficios”.
Sobre a que considerou a segunda prioridade do PP, recriminou que Rueda siga de comercial de ALTRI, empeñado en que a multinacional instale aquí a macrocelulosa contaminante que non quere Portugal. Neste sentido, reclamou que fale de industrialización mentres pon en risco 4.000 empregos e 3.000 explotacións na comarca de Arzúa-Ulloa e outros 4.000 postos de traballo na Ría de Arousa”. Os 250 M€ que quere darlle a multinacional debería ir para apoiar o emprego no rural e no mar, para proxectos empresariais locais e para preservar o territorio.
Financiamento, servilismo madrileño do PP
Respecto ao financiamento, criticou a negativa a defender a quita da débeda negociada polo BNG, pese a que suporía aforrarlle miles millóns de euros aos galegos e ás galegas e que rebaixe á metade o déficit financeiro que o Consello de Contas cifra en 1.500 millóns de euros anuais.
“De verdade cre que minimizando o problema que temos vai poder conseguir un mellor financiamento? De verdade cree que rebaixar as esixencias de Galiza á hora de negociar o financiamento é unha boa idea?”, interpelou, para reclamarlle a continuación ao presidente da Xunta que “dunha vez por todas, poña a Galiza por diante dos intereses do Partido Popular”.
Pontón cuestionou a Rueda a súa negativa para que Galiza teña, como xa ten Euskadi e vai camiño de ter Catalunya, “a chave dos seus cartos”, negativa que só se explica, dixo, “polo seu servilismo e submisión ao PP de Madrid”.
“É o presidente máis desleal da historia, non está traballando para os galegos e as galegas, senón para o PP e as empresas amigas. Non está cos que queren crear riqueza, senón ao lado dos que queren enriquecerse a costa de Galiza”, sintetizou.
Vivenda, só propaganda
A líder nacionalista resumiu os anuncios no ámbito da vivenda de Rueda cunha frase pronunciada por el mesmo: “Dixo vostede que a cidadanía estaba falta de promesas de miles de vivendas que nunca chegan, eu non resumiría mellor a política do Partido Popular en materia de vivenda”, afirmou.
Deste xeito, condensou a propaganda do PP, detrás da que só queda a súa primeira medida real da lexislatura, subir un 30% o prezo da vivenda protexida, ou o seu boicot ás medidas valentes que toma por exemplo o Concello de Santiago coa regulación das vivendas de uso turístico ou a solicitude de declaración de zona tensionada.
Servizos públicos
Pontón tamén criticou “a realidade paralela de telexornal” na que vive un Rueda para o que na sanidade non hai listas de espera, nin 11.000 nenos e nenas sen pediatra asignado, nin milleiros de persoas agardando por unha primeira cita psicolóxica, ou para o que na educación pública non hai problemas.
Neste mesma liña, considerou “gravísima” a situación na dependencia que o PP tenta tapar con anuncios repetidos, “o mesmo anuncio que fixeron o 10 de xuño en canto ao Servizo de Axuda no Fogar”, denunciou para recalcar o refrito de anuncios de Rueda, a quen lle afeou o seu voto en contra dunha iniciativa do BNG para elevar de 12 a 20 euros o que se paga por hora no SAF.
Galego e manipulación
A portavoz nacional denunciou a nova volta de torca á manipulación da TVG, declarada en folga indefinida, cunha nova lei coa que pretende nomear a dedo á dirección e cun recorte da presenza do galego. “Hai ducias de televisións en castelán e só unha en galego, pero ao PP parécelle moito e por iso tamén quere recortar aquí”, recriminou tras recordarlle a Rueda o seu voto en contra do galego, “unha vergonza que o vai acompañar sempre”.
Disposición ao diálogo
Pontón pediu a Rueda que “deixe de ser o presidente do non a Galiza e pase a ser o presidente do si”, si a poñer a riqueza eólica ao servizo do País, a defender a xente do rural e do mar, a blindar os servizos públicos, a defender un sistema de financiamento xusto que dea a Galiza a chave dos seus cartos e a defendela fronte ao egoísmo centralista.
“Pídolle que rectifique e que, por unha vez, se poña do lado dos galegos e das galegas. Se o fai estou segura que atoparemos puntos de encontro, porque se algo fixo, fai e fará o BNG é traballar polo ben de Galiza e a súa xente”, concluíu, mostrando a súa disposición ao diálogo en favor do País.