A Mariña, 8 de outubro de 2024. A vindeira fin de semana seguirán por Trabada e por Xove as rutas e visitas guiadas de outono da Mancomunidade: A Mariña. Plans con Corazón. Trátase dun proxecto promovido pola Mancomunidade, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, que busca dinamizar a actividade turística durante os meses de outubro e novembro.
A paisaxe fluvial e a etnografía de Trabada serán as protagonistas o vindeiro 12 de outubro. A visita será guiada por Carmen Delia. Os asistentes realizarán unha pequena visita para descubrir tradicións, a historia, o patrimonio natural e industrial de Trabada comezando polo Eo nun espectacular recuncho de Ría de Abres. Os participantes terán a posibilidade de coñecer a vía verde que vertebrou a comarca, ademais de ser parte do patrimonio industrial da Mariña, como é o caso da Sociedade Mineira de Vilaodriz. O percorrido rematará no museo etnográfico de Trabada, onde poderán observar a colección de José Rocha, e despois degustar algún produto típico da zona.
O domingo, 13 de outubro, as rutas da Mancomunidade achegaranse ata San Tirso de Portocelo, en Xove, da man de Boris Vilar. As persoas que acudan a esta visita descubrirán desde Punta Roncadoira a monumentalidade da paisaxe costeira xovense, gozando dunha magníficas vistas, que non deixan indiferente a ninguén. Achegaranse ata o antigo forte de Punta Mexiluíde, sobre o que se poden contemplar os restos da igrexa e do anterior mosteiro de San Tirso de Portocelo. E subirán ao Monte Castelo para ver as formacións graníticas desa zona así coma os cantís.
Toda a información sobre as rutas e visitas guiadas de outono da Mancomunidade de Concellos da Mariña atópase en: https://amarinalucense.gal/es/a-marina-planes-con-corazon
Pasada fin de semana
A Mariña: Plans con Corazón daba comezo a pasada fin de semana, os días 5 e 6 de outubro, en Burela e O Vicedo.
Vintecinco persoas procedentes de Castro Ribeiras de Lea, Foz, Viveiro, Burela, Cervo, Lugo, Ribadeo, Barreiros, Lourenzá, Touro e Vilalba participaron na ruta Burela de Cabo a rabo, conducida por Noela Feal, o pasado sábado. Os participantes tiveron a oportunidade de achegarse ao mural de Burela In, pasaron pola Moncloa e pola nave de redes, escoitaron a historia da guerra do Bonito, que está de 30 aniversario, así como as explicacións dos artistas que están a facer o mural da Confraría, que está de centenario. E despois de admirar os numerosos e preciosos murais do espigón, fixeron un tramo da senda do litoral burelés, para remtar en Conservas Faro Burela, onde coñeceron o seu traballo e traxectoria, antes de facer unha degustación de bonito.
O domingo vintecatro persoas chegadas de Castro Ribeiras de Lea, Burela, Madrid, Cervo, Lugo, Viveiro, Foz, Xermade e Monforte de Lemos coñeceron os misterios do litoral do Vicedo, guiados por Boris Vilar. Os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer a igrexa parroquial de Santo Estevo do Val, que recentemente foi obxeto de distintos achádegos que denotan unha maior antigüidade da que se tiña constancia e que podería ter certa relación co desaparecido mosteiro da Coelleira. Despois o grupo desplazouse ata a praia de Xilloi para facer unha ruta na que visitaron o barrio de Baltar, onde se atopa a Casa do Paisano, vencellada aos relatos sobre os monxes templarios de San Miguel da Coelleira. Xa no areal, pasaron polas penas do Altariño, no que outras lendas sitúan o cadro de Santo Estevo que foi levado ata o lugar no que se erixe a igrexa. E seguindo o Camiño Natural do Cantábrico fixeron varias paradas para contemplar a beleza do litoral.