Nota de prensa:
COMUNICADO DE PRENSA DO BNG DE RIBADEO
Ante a cerimonia da confusión á que nos queren someter tanto o PP como o PSOE local cando prefiren defender aos seus respectivos gobernos en vez de loitar por conseguir cousas para a nosa vila, o BNG de Ribadeo quere manifestar o seguinte:
1. Non é de recibo que os representantes do PP e do PSOE se dediquen máis a defender aos gobernos da Xunta, ou central, que a procurar que se aproben (e despois executen) proxectos que enriquezan ao noso concello.
2. Que ás veces dea a impresión de que o PSOE de Ribadeo está máis pendente de defender a acción do goberno central que de facer as xestións oportunas para axilizar a execución de proxectos xa en marcha di ben pouco de quen se presenta como o gran xestor que chega a todos os despachos.
3. Pero o colmo de colmos perpetrouno o señor Balseiro con respecto á demanda dun xulgado para Ribadeo. Estando na oposición, todo lle reclamaba á Xunta. E todo era responsabilidade da Xunta. Agora que gobernan, todo é culpa dos demais. Reparte o señor Balseiro responsabilidades para todoh o mundo e bota balóns fóra de xeito ben descarado.
4. A Lei de Demarcación e Planta Xudicial é ben clara ao respecto: é preceptivo escoitar á comunidade autónoma, a Xunta neste caso, para poder decidir se se crea ou non un novo xulgado. Pronúnciese o goberno do señor Feijoo demandando un xulgado para Ribadeo. E fágao cando corresponda e onde corresponda, seguindo o procedemento para estes casos. Cando iso faga, e se o goberno central se nega a crear o xulgado para Ribadeo, alí estará o BNG denunciando a incoherencia do goberno central. Pero nunca participaremos desta cerimonia da confusión fomentada polo señor Balseiro.
5. Ante esta demagoxia o BNG quere insistir na demanda dun xulgado para Ribadeo e na necesaria asunción por parte de todos os partidos políticos ribadenses da reivindicación dun partido xudicial para Ribadeo, tal e como xa se aprobara en pleno. Tanto o PP como o PSOE non poden ficar calados ante a pasividade ou incoherencia dos seus representantes na Xunta ou no goberno central á hora de levar a cabo dita demanda.
6. Hai demasiados proxectos, xa aprobados, que están pendentes de execución e o señor Balseiro ben pouco se preocupou deles: a escola infantil para Ribadeo, a residencia para enfermos de Alzheimer, o albergue de peregrinos… O goberno municipal do BNG ten claro que sempre vai insistir nas súas demandas e tamén vai facer todas as xestións necesarias para que se desbloqueen ditos proxectos. Pero son outros, na Xunta ou no goberno central, os que teñen que mover ficha.