Será a quinta proba do Circuíto +Kms Barreiros, penúltima desta tempada
Barreiros, 8 de Outubro de 2024. A asociación Praias de Comado organiza conxuntamente co Concello de Barreiros unha nova edición do Trail Monte Comado que volverá contar, na mañá do domingo 13 de outubro, con dúas distancias: 12 e 26 kms.
Dende o Concello de Barreiros, organizador do Circuíto +Kms Barreiros no que se inclúe esta proba, destacan “a importante aposta a nivel económico e de traballo organizativo cara ás probas que integran o circuíto, xa que é unha forma tamén de apostar polo turismo deportivo e desestacionalizalo; así como de colaborar coas asociacións do Concello”, manifestou a alcaldesa, Ana Ermida.
A rexedora sinalou o “empuxe dado ás carreiras populares desde o Concello nos últimos anos, organizando un circuíto que inclúe todas as carreiras que se celebran no municipio e converténdoas nunha cita non só deportiva, senón tamén nunha oportunidade para coñecer lugares do concello moi diversos, polas características e recorridos de cada unha das probas”.
A saída e chegada deste Trail serán na Praza do Souto de San Miguel de Reinante. Ás 9:30 a da proba de 26 kms e ás 10:30h será o turno para a saída da de 12 km.
A Asociación destaca que “é unha proba difícil de organizar sobre todo pola preparación dos percorridos no que buscamos ofrecerlle aos participantes unha experiencia única percorrendo Barreiros”.
Inscricións abertas ata o xoves 10 de outubro
As inscricións para a proba estarán abertas ata o xoves na web oficial do Circuíto www.maiskmsbarreiros.gal
Á presentación da proba asistiron Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros; Manuel Otero, xefe do servizo de deportes en Lugo e Iván Labrada e Carlos Martínez membros da asociación Praias de Comado.