Á parte da colaboración tan pechada que a Consellería mantén coa Fundación Expomar desde hai moitos anos, estase estudando a firma dun convenio de colaboración entre as dúas entidades, que fortaleza aínda máis os vínculos que unen os seus obxectivos na promoción do sector pesqueiro e máis da cultura mariñeira
Burela, 4 de outubro, 2024. O conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, e maila xefa territorial da Consellería do Mar, Mariña Gueimunde, recibiron este venres na delegación da consellería en Celeiro ao xerente da Fundación Expomar, José Manuel González ‘Brais’, e ao concelleiro de Mar do Concello de Burela, Ramiro Fernández.
Na reunión, xa acordada con miras á vixésima edición da feira monográfica náutico-pesqueira, que terá lugar no porto de Burela en maio de 2025, os representantes da Fundación Expomar tamén detallaron á Consellería as súas próximas actividades previstas.
A acción máis achegada será a segunda edición do “Día do Orgullo Mariñeiro”, que se iniciou con grande éxito o ano pasado e que a mediados de decembro de novo combinará a divulgación nas escolas, a exaltación da cultura mariñeira e a gastronomía do mar para chegar a tódolos públicos. Nesta segunda cita seguirase a promocionar o consumo de “Merluza de Burela” nos comedores escolares da contorna, este ano coa degustación especial dunha hamburguesa de pescada do pincho. E, como novidade este ano, organizaranse tamén unhas xornadas gastronómicas de peixe coa hostalería local de Burela.
Xa no mes de xaneiro, a Fundación Expomar viaxará a Madrid para facer alí, por segunda vez consecutiva, a presentación oficial da súa XX Feira Expomar, que se celebrará do 7 ao 10 de maio na nave de redes do porto de Burela. Aproveitando o marco da Feira Internacional de Turismo Fitur 2025, o xoves 23 de xaneiro a Casa de Galicia en Madrid acollerá esta presentación, que contará coa presenza do propio conselleiro do Mar, Alfonso Villares; ademais doutras moitas autoridades autonómicas e representantes do sector pesqueiro nacional. A Consellería do Mar confirmou e reforzou o seu grao de colaboración con esta iniciativa, que se pechará con unha degustación de produtos pesqueiros de Burela.
O xerente da Fundación Expomar, José Manuel González ‘Brais’, tamén estivo presente durante esta semana na Feira Conxemar levando a cabo unha misión comercial, onde mantivo contactos con diferentes representantes da mesma Consellería e outras Administración e entidades vinculadas ao sector pesqueiro. Asimesmo tivo a oportunidade de relacionarse con moitos dos expositores habituais da feira Expomar e establecer contactos con novas empresas como potenciais participantes na vixésima edición do certame.
Tamén en colaboración coa Consellería do Mar da Xunta de Galicia, a Fundación Expomar desplazarase comezos de novembro ata Cabo Verde para promocionar o sector pesqueiro galego na “Feira Expomar de Cabo Verde”.
Con respecto á próxima feira monográfica náutico-pesqueira, desde a Fundación Expomar aseguran que a reserva de espazos avanza a bo ritmo entre os expositores habituais e tamén se están intensificando os contactos coas novas entidades que amosaron o seu interese por participar nesta edición número vinte, que se espera que volva superar todas as expectativas.