Viveiro, 3 de outubro de 2024. Co obxectivo de conservar o solo e a biomasa vexetal nunhas condicións que permitan a prevención de incendios, as concellerías de Medio Ambiente e de Medio Rural de Viveiro colaboran coa Xunta de Galicia, a FEGAMP e SEAGA no envío de 3.253 notificacións a persoas propietarias de parcelas no municipio.
Esta colaboración está contemplada no convenio suscrito polas catro entidades no 2019, e foi activada como consecuencia do gran volumen de parcelas nas que o Concello de Viveiro ten competencias de vixiancia e intervención.
O Convenio permite solicitar a colaboración para a xestión das comunicacións masivas ás persoas propietarias da obriga de limpeza da biomasa vexetal e retirada de especies prohibidas segundo a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
Miriam Bermúdez, tenenta de alcaldesa e concelleira de Medio Ambiente, destacou a importancia deste convenio para “garantir a seguridade ambiental do noso Concello” e “previr os incendios forestais”. Subliñou tamén que “a colaboración cidadá é fundamental para manter o solo en condicións óptimas” e “protexer o noso medio natural”.
Ramón Martínez, concelleiro de Medio Rural, engadiu que “é clave cumprir coas obrigas de limpeza de parcelas” e retirada de especies prohibidas para evitar sancións e “asegurar unha xestión eficaz do noso territorio”.
Durante os meses de agosto e setembro realizáronse as inspeccións de máis de 10 hectáreas de terreos, que resultaron no envío desas 3.253 notificacións para solicitar a retirada da biomasa vexetal e especies arbóreas prohibidas.
No caso de incumprimento destas solicitudes, a posterior execución subsidiaria realizarase por parte de SEAGA, con cargo dos custos ás persoas propietarias. Isto farase sen prexuízo da imposición das correspondentes sancións, que oscilan entre os 1.000€ da infracción leve, os 100.000€ da infracción grave e o millón de euros da infracción moi grave.
Nos próximos días poderanse consultar, asemade, as parcelas incorporadas nesta campaña de prevención desde o Tablón de Anuncios municipal da Sede electrónica do Concello de Viveiro.