O secretario xeral do PSdeG reivindicou desde Conxemar as campañas de información para reverter o descenso do consumo de peixe e destacou como un éxito para Vigo e para Galicia o crecemento dunha feira que é “unha referencia mundial”
Vigo, 2 de outubro de 2024. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, mostrou hoxe en Conxemar a súa satisfacción por que o Goberno estea traballando de cara a unha renovación da frota pesqueira a través de fondos europeos, en concreto, reclamando a apertura do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) a entrar nese financiamento. Besteiro compartiu na feira que se celebra en Vigo, “capital mundial da pesca”, a estratexia que avanzou esta mesma semana o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para unha modernización coa que se buscará non só aumentar a eficiencia e seguridade dos barcos, senón tamén garantir mellores condicións para as tripulacións.
O impulso á renovación da frota sitúase, afirmou Besteiro, dentro da “aposta dos socialistas polo futuro da pesca”, sobre o que tamén están a operar as axudas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que dispón de 20 millóns de euros, ampliables en función dos proxectos presentados. Estas axudas, cuxo prazo de solicitude finaliza o 16 de outubro de 2024, son clave para promover a sostibilidade e a innovación nun sector chamado a ser tamén protagonista na transición ecolóxica.
Besteiro tamén mostrou a súa preocupación polo descenso do consumo de peixe e sinalou que hai por diante “unha tarefa moi importante” para reverter esa tendencia. Trátase dun reto que afecta directamente á viabilidade do sector, xa que a baixada dos últimos anos sitúase en cifras próximas ao 30 %, e cada vez faise máis patente a necesidade de cambiar a percepción dos consumidores, especialmente entre os sectores máis novos da poboación.
“O peixe non é caro”, recordou o líder socialista, que considera “fundamental” o desenvolvemento de campañas en favor dun produto que destaca pola súa calidade, versatilidade e beneficios nutricionais.
Sobre o crecemento de Conxemar, José Ramón Gómez Besteiro cualificouno de “gran éxito” tanto para Vigo como para Galicia e subliñou que a feira, verdadeira mostra do “progreso e o desenvolvemento” do sector, é unha “referencia mundial”.
O secretario xeral atendeu aos medios na compaña do alcalde de Vigo, Abel Caballero, que lle agradeceu a Besteiro o seu compromiso con Conxemar, un encontro, asegurou, que ten como principais apoios “ao Goberno de España e ao goberno de Vigo”. Lembrou que é “imprescindible” ampliar o recinto no que se celebra (Ifevi), no que o Concello “ten o triple de superficie que a Xunta”, polo que apuntou á necesidade de que o Goberno galego se faga cargo dese aumento de espazo.