Ribadeo, 28 de setembro de 2024. Mais de 330 persoas participaron este sábado no día do xubilado, que organizou o Concello de Ribadeo coa colaboración da Xunta de Galicia.
O alcalde, Dani Vega, tivo palabras de agradecemento para o persoal municipal e para a concelleira de Benestar Social: “en primeiro lugar, un grazas a todos os que fixeron posible que o primeiro día do xubilado se celebrara, aos traballadores municipais que estiveron organizando todo isto durante esta semana, tamén a todos os traballadores da Concellería de Benestar Social, que durante este tempo estiveron apuntando, anotando a xente. Creo que hai que resaltar que un traballo coordinado sempre funciona. Polo tanto, agradecemento a todos os técnicos, a todos os traballadores do Concello, iso en primeiro lugar. Tamén, grazas á concelleira Elena Sierra, que sempre está preocupada de que todo saia ben, todo saíu ben, foi un gran éxito, máis de 330 persoas acudiron a esta carpa, á carpa do agradecemento, agradecerlles a todas as persoas que xa se xubilaron, que agora gozan dun retiro, porque traballaron toda unha vida e palabras como sacrificio, entrega, dedicación ao seu traballo, e sobre todo a sacar a súa familia adiante é algo a destacar”.
Na carpa instalada no peirao compartiron xantar e xa pola tarde gozaron da actuación musical da Roda. O rexedor indicou que “esta recuperación da festa do xubilado máis que un encontro e unha comida é un encontro para dar as grazas e para dicirlles que seguimos contando con todos eles. E a partir da agora seguir organizando todas as actividades que está organizando a Concellería de Benestar Social polas parroquias, en Ribadeo, en definitiva, facer que Ribadeo avance tamén desde un punto de vista do benestar social”.
O Cuarteto Illa Pancha, de Ribadeo, foi o encargado de dar a benvida musical ao día do xubilado.