Foz, 27 de setembro de 2024. O alcalde de Foz, Fran Cajoto; a concelleira de Asuntos Sociais, Ana Rojo; e outros edís do goberno municipal achegáronse este venres a Ribadeo para interpelar á conselleira de Política Social, Fabiola García.
Fran Cajoto explica que “a conselleira de Política Social sácase fotos en concellos veciños, pero non se digna a reunirse co Concello de Foz. Simplemente demandámoslle a data para a reunión solicitada e a única contestación que obtivemos é que ela non levaba a súa propia axenda. Este é o respecto institucional da Xunta”.
A concelleira de Asuntos Sociais e o alcalde de Foz desprazáronse ao despacho da conselleira en Santiago o pasado venres, despois de tres meses agardando por unha reunión urxente, pero non foron recibidos por Fabiola García. “Tivemos que saír ao encontro da conselleira ante o desprezo institucional. Estamos a falar de máis de 700.000 euros anuais que entre SAF e residencia adebeda a Consellería de Política Social a Foz. Quedamos sós pelexando polos intereses de Foz, pero imos seguir facéndoo, con convicción, determinación e responsabilidade cos nosos veciños”, remata Cajoto.