A Mariña, 27 de setembro de 2024. A FCAM (Federación de Comercio A Mariña) organiza un Foro de Análise o vindeiro 3 de outubro en Foz. O aluguer será o protagonista da cita, que terá lugar no Cenima a partir das 19:00 horas.
Baixo o título de Traballo na Mariña lucense, onde vivo? o Foro analizará a problemática para atopar pisos de aluguer de tempada na comarca mariñá tras o boom das vivendas de uso turístico. A presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, explica que “hai moita preocupación nos diferentes colectivos de traballadores, xa sexa para incorporarse a empresas, a tendas, a hoteis, a restaurantes, a centros de ensino ou mesmo ao hospital, porque non atopan pisos para alugar nas vilas nas que van estar traballando e nas que lles gustaría vivir e asentarse. No caso de Ribadeo, por exemplo, sabemos que ou alugan nos concellos veciños ou aquí é practicamente imposible”.
Cruzado Iglesias engade “ese será un dos aspectos que abordemos xunto coa inquedanza que as vivendas de uso turístico xeran tamén no sector hoteleiro. É un Foro de Análise no que pretendemos coñecer de preto cómo se atopa o aluguer na Mariña, falaremos das solucións ou medidas que habería que tomar para que a situación mellore e cara onde queremos ir desde o punto de vista turístico”.
O Foro de Análise da FCAM será aberto a todo o público que queira asistir. No mesmo participarán : Néstor Sordo, CEO de Inmoriba; Joaquín López, xerente do Hotel O Cabazo; Fran Cajoto, alcalde de Foz; Paloma Vázquez, xefa da Área de Turismo da Xunta de Galicia en Lugo; Tania Hermida, axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense; e Carmen Cruzado, presidenta da Acisa e da FCAM.