Palabra e Memoria nas parroquias de Ortigueira, un traballo de campo de Jerónimo Martínez
Ortigueira, 27 de setembro, 2024. O Centro Cultural “A Devesana” acollerá a exposición fotográfica “Palabra e Memoria nas parroquias de Ortigueira”, unha mostra antolóxica de diferentes epitafios escritos en galego durante medio século (1972-2024). O acto de inauguración está previsto para as 7 da tarde do próximo día 27 de setembro e nel contarase coa participación do historiador Jerónimo Martínez, autor das fotografías e do traballo de campo; do profesor Bernardo Penabade, orientador da investigación; e de representantes da Devesana e Terras do Ortegal, entidades que colaboran na iniciativa.
Por diversas razóns, tradicionalmente o paso da vida á morte non se só se facía vestindo a persoa defunta coas mellores galas e dedicándolle esmerados coidados estéticos. O ritual implicaba tamén un cambio cultural perceptible na redacción dos avisos necrolóxicos, nos rezos do rosario, nas fitas e tarxetas de ramos e coroas, nas misas e nas inscricións de recordo nas sepulturas. Principalmente por falta de costume, até hai relativamente pouco tempo o idioma galego non era usado para redactar epitafios. Dentro do termo municipal de Ortigueira, foi en 1972 na parroquia de Devesos onde -por iniciativa dun mestre recén titulado- se colocou o primeiro escrito destas características.
Medio século máis tarde, ao longo das vinte parroquias que teñen cemiterio foi realizado un traballo de campo coa intención de localizar, catalogar e estudar estes escritos de autoría popular, surxidos espontaneamente; as palabras ventureiras como as flores que nacen no medio das pedras.
Á vista das primeiras conclusións, a maior porcentaxe de uso do galego escrito está no camposanto de San Salvador de Couzadoiro, onde alcanza case un 6% do total, con dous casos de uso da palabra “propiedade” na cabeceira (usada só no un por mil dos casos), e onde se sitúan os “tres metros de ouro” ao longo doutros tantos panteóns rotuladas con palabras en lingua galega. Outros dous lugares que superaron o “arancel lingüístico” son San Claudio e Loiba. Nesta parroquia o primeiro en tomar a iniciativa foi o escritor Tucho Calvo en 1986, case tres lustros despois da de Devesos; e despois foi secundado por un grupo de familias que agora xa superan o 5% do total. Outro tanto acontece en San Claudio, onde o galego entrou da man doutro escritor, Manuel López Foxo, en 1989; e onde agora tamén está repartido por todo o recinto. En Requeixo (Santa Marta), a primeira inscrición antologada é de 1992, a segunda de 2005 -corresponde a un turista que quixo repousar no lugar en que pasaba as vacacións- e con elas aparecen outras cinco, entre elas as de Modesto Cheda e Xoán Xosé Fernández Abella. En cinco das parroquias existen recordatorios escritos en diferentes linguas estranxeiras (inglés, francés e alemán), mais ningunha en galego.