Alfoz, 21 de setembro, 2024. O pasado xoves, representantes da Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) do CEIP Castro de Ouro de Alfoz mantiveron unha xuntanza coa Xefa Territorial de Educación, na que se confirmou que a Administración pretende aplicar o acordo sobre agrupamentos de forma progresiva, algo que non está incluído no Decreto publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 17 de xaneiro de 2024, polo que as familias continúan a expresar a súa preocupación pola situación que está a vivir o centro educativo neste inicio do curso escolar. Ademais da falta de persoal docente, as familias denuncian a carencia dunha técnica de pedagoxía terapéutica (PT), imprescindible para atender ao alumnado con necesidades educativas especiais.
A sobreutilización dos agrupamentos en distintas aulas, incumprindo o citado acordo, foi un dos problemas transmitidos pola ANPA durante a reunión. Esta práctica, que agrupa nunha mesma clase a estudantes de diferentes niveis, dificulta o traballo do profesorado e a empeora a calidade do ensino. “As mestras e mestres vense obrigados a atender simultaneamente alumnos con distintos niveis e capacidades, o que impide un seguimento personalizado e provoca que algúns estudantes queden atrás”, sinalou a directiva da ANPA.
A situación agrávase coa falta dunha técnica de pedagoxía terapéutica, un perfil fundamental para o apoio a aqueles alumnos con necesidades educativas especiais, que actualmente non dispoñen do acompañamento adecuado. A ausencia desta figura esencial está a prexudicar o desenvolvemento académico e emocional dos estudantes que necesitan esta atención especializada. “Estamos ante unha situación inxusta e discriminatoria. Non só faltan mestres, senón que os nenos que máis apoio necesitan están totalmente desatendidos sen unha técnica de PT”, comentan desde ANPA.
Tal e como estaba programado, onte celebrouse unha asemblea de coa participación das familias, na que se informou da situación actual do centro e dos termos da reunión coa Xefa Territorial de Educación. Na asemblea, a ANPA informou ás familias que tamén conta co apoio dos sindicatos, que están dispostos a levar esta situación aos tribunais, denunciando xudicialmente o incumprimento sobre agrupamentos asinado. Ante esta situación, a proposta de dita asemblea tomáronse, entre outras, as seguintes decisións:
1. Continuar coas concentracións ás portas do colexio en sinal de protesta. Para a do vindeiro luns, convocarase a todo o tecido asociativo de Alfoz para que apoie as demandas da comunidade educativa.
2. Manter contactos con Fapacel e outras ANPAs, pertencentes a colexios que están nunha situación similar, para coordinar accións conxuntas e facer máis forza.
3. Coordinar unha manifestación que se celebrará ante a Consellería de Educación en Santiago de Compostela, para darlle visibilidade a problemática e esixir solucións inmediatas.
4. Acudir a outras institucións, como a Valedora do Pobo, para solicitar amparo ante a situación de indefensión na que se atopa o alumnado.
5. Avaliar outras posibles mobilizacións que poidan ser necesarias para continuar a defensa dos dereitos dos estudantes.
Os pais e nais fan un chamamento urxente ás autoridades para que se asignen máis profesores e se incorpore de inmediato unha técnica de pedagoxía terapéutica para garantir que todos os estudantes reciban a educación que merecen. “Non podemos permitir que se comprometa o futuro dos nosos fillos”, conclúen desde a ANPA.