A porta de Carlos V iluminarase de cor verde na fin de semana para dar visibilidade a esta data, que se conmemora o sábado 21 de setembro
Viveiro, 19 de setembro de 2024. O Concello de Viveiro súmase un ano máis á conmemoración do Día do Alzheimer este sábado, día 21 de setembro. Para dar visibilidade a esta data, a porta de Carlos V iluminarase de cor verde esta fin de semana.
A alcaldesa María Loureiro, destaca, con motivo desta efeméride, “o traballo fundamental que ano tras ano fai a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Viveiro, AFA Viveiro, tanto na prevención e detección precoz como na atención a pacientes e persoas achegadas”.
“Dende o Concello de Viveiro colaboramos moi estreitamente con esta asociación dende hai anos, e o noso compromiso coas persoas con alzheimer e os seus seres queridos segue tan vixente como sempre,”, sinala Loureiro.
O Concello colabora coa asociación AFA Viveiro a través de subvencións, colaborando coas súas actividades ou cedéndolles o uso de instalacións municipais, como as dependencias no claustro do convento de San Francisco, entre outros xeitos.
Recentemente asinouse na Casa do Concello un convenio de colaboración con esta e outras entidades sociais locais, tendo o convenio con AFA un valor de 30.000€.
A rexedora subliña que “iniciativas de concienciación como a do Día do Alzheimer son fundamentais para sensibilizar e facer partícipe á poboación da necesidade de máis recursos para a investigación na enfermidade”. “Amosamos de novo todo o noso apoio a quen sofre o Alzheimer de xeito directo ou indirecto”, conclúe.