Ribadeo, 19 de setembro de 2024. O Concello de Ribadeo organiza o próximo domingo, 22 de setembro, a Festa do Pemento.
A concelleira de Promoción Económica, Marta Saiz, subliñou que “se trata dunha tradicional xa cita enmarcada no Mercado dos Domingos, que pon en valor e da protagonismo ao pemento”.
A edil ribadense contou que “durante a mañá do domingo o público poderá disfrutar de diferentes actividades propias do mercado como unha cata, a degustación dunha deliciosa coca de pementos, unha mostra de diferentes variedades deste produto, a exposición O pemento de Piñeira, así como un obradoiro para a elaboración de batidos de froitas e verduras, música… unha morea de actividades ás que tamén se sumarán os bares da contorna que ofrecerán tapiñas especiais de pemento para os seus clientes”.
Saiz indicou: “destacar que esta festa non tería cabida sen o Mercado dos Domingos, unha cita semanal organizada polo Concello de Ribadeo en colaboración coa asociación A Sucadoira de produtores e produtoras locais da horta. Este mercado conta con postos cunha oferta moi diversificada: todos procedentes da zona onde destacan os produtos da horta, aínda que tamén se pode atopar pan, queixo, embutidos, zumes, ostras ou doces”.
E engadiu: “lembrade este domingo, 22 de setembro, no Mercado dos Domingos terá lugar a Festa do Pemento, non vola podedes perder”.