O conselleiro do Mar clausurou a XI Conferencia Internacional ARVI sobre o futuro do sector
Vigo, 13 de setembro de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, adianta que a Xunta de Galicia seguirá dando a batalla para que a pesca sexa unha das prioridades do bloque comunitario, de xeito que a produción primaria de alimentos e a soberanía alimentaria sexan elevadas na axenda da Comisión, ocupando un lugar destacado na súa estrutura. Neste senso, apelou á responsabilidade de todos- institucións, gobernos e entidades privadas- para garantir que o sector siga sendo sostible, competitivo e resiliente, ademais de manter a igualdade de condicións para a cadea pesqueira europea e protexer a subministración segura dos alimentos locais de calidade. E isto pasa, segundo considera o máximo responsable do Mar, por nomear a un comisario e a un director xeral de Asuntos Marítimos e Pesca coas sensibilidades propias da materia e que sexan o altofalante dos asuntos pesqueiros nos órganos de decisión comunitarios.
A estes retos, segundo detallou Villares, súmanse outras demandas que claramente lidera Galicia e que pasan por apoiar ao sector na súa transición cara a neutralidade en carbono, desenvolvendo unha lexislación equilibrada e con instrumentos financieiros axeitados; pola revisión da propia Política Pesqueira Común; o reforzo dos recursos humanos e materiais, destinados aos organismos rexionais e de ordenación pesqueira; e por impulsar a economía azul, garantindo a boa gobernanza e a sustentabilidade oceánica en todas as dimensións. Trátase, en definitiva, de apostar pola coherencia na elaboración de normativas xustas e ponderadas que permitan manter a actividade nas augas comunitarias, dende a sostibilidade e a soberanía alimentaria.
O conselleiro clausurou deste xeito a XI Conferencia Internacional ARVI sobre o Futuro da Pesca: La pesca como garante de la soberanía alimentaria. El papel de las flotas de media y larga estancia, organizada pola Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo, e que se desenvolveu na cidade olívica estes dous días, reunindo a reputados expertos e especialistas que disertaron sobre os novos retos que afronta o sector, tendo en cota que é unha das escasas competencias exclusivas europeas. Por iso, dende o Goberno galego se considera básico que a UE priorice o seu apoio a esta actividade e que atraia novo talento, no seu cometido de traballar polo relevo xeracional, co fin de manter esta actividade como o elemento vital que é nas áreas comunitarias costeiras.