Eduardo Chao emplaza a María José Fernández a unha reunión antes do vindeiro pleno
O Valadouro, 13 de setembro 2024. No pleno celebrado hoxe no Valadouro, no que se deu conta dos ceses dos concelleiros que conformaban o goberno municipal e da renuncia da ata agora alcaldesa, o BNG vén de anunciar que na vindeira semana cando se celebre o pleno de elección de alcalde, van postularse para a alcaldía. O BNG pídelle a María José Fernández que reconsidere a súa postura coa cal botou abaixo o goberno de progreso que se formara ao abeiro do resultado das urnas de maio do 2023.
Na súa intervención, Eduardo Chao dirixiuse a alcaldesa dimisionaria recordándolle as declaracións feitas por ela á prensa estes días nas que destacaba a magnífica labor desenvolvida polo BNG no goberno tripartito, e basándose nesa premisa, o edil nacionalista propúxolle a María José Fernández que xa que agora renuncia a formar parte do goberno tamén, que no pleno de elección de alcalde da próxima semana vote ao candidato que propoña o BNG, dándolle a posibilidade incluso de que ela mesma escolla cal dos dous será o candidato. Chao argumentou esto decindo que calquera dos dous concelleiros do BNG pode desempeñar a función de alcalde, dado que o obxectivo dos dous foi sempre traballar para mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños do Valadouro “nosoutros nunca nos obsesionamos coa alcaldía como fixo vostede, a nosa obsesión é o interés público”, afirmou Eduardo Chao, que tamén lle traslada a posiblilidade de manter unha reunión antes dese pleno.
Agradecemento á veciñanza do Valadouro
Os concelleiros do BNG trasladáronlle á veciñanza do Valadouro o seu agradecemento por telos escollido e por darlles a posibilidade de gobernar o concello, o que foi unha honra para eles e fixeron o traballo con total honestidade, lealdade, transparencia e sacrificio. Así mesmo piden desculpas polos erros que puideran haber cometido, e que en ningún caso foron intencionados.