Volve exixir seriedade a Alcoa e que responda aos requirimentos da Xunta para poder autorizar a ampliación da balsa de lodos porque a súa falta de resposta dixo, está a ralentizar o expediente para acometer unha actuación que é vital para o futuro da factoría
Cervo, 12 de setembro de 2024. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, solicitou hoxe á Secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, que convoque a comisión de seguimento de Alcoa ao máis alto nivel, logo de acompañar ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha reunión co comité de empresa da planta de San Cibrao.
Lorenzana pediu, así mesmo, que tamén sexan convocadas a esa xuntanza a vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, e o titular de Industria e Turismo, Jordi Hereu.
A conselleira volveu exixir seriedade a Alcoa e que responda aos requirimentos da Xunta para poder autorizar a ampliación da balsa de lodos porque a súa falta de resposta, dixo, está a ralentizar o expediente para acometer unha actuación que é vital para o futuro da factoría.
Segundo apuntou, a xuntanza vai ser unha oportunidade para que o Goberno, en concreto, a ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, poña de manifesto o seu compromiso con resolver a situación daqueles parques de Alcoa que tiñan decaídos os seus permisos de acceso e conexión e para os que estaba comprometida unha solución que aínda non se produciu. Tamén, para exixir de novo a modificación do Estatuto dos Consumidores Electrointensivos.
Ao respecto, apuntou que todos os parques eólicos que dan subministración a Alcoa que son competencia da Xunta de Galicia están autorizados menos un, que ten xa declaración de impacto ambiental.