Vilalba, 11 de Setembro de 2024. O Vicealcalde e responsable de infraestruturas rurais, Modesto Renda, anunciou hoxe o inicio das obras de reconstrución da Ponte da Ribeira, que conecta as parroquias de Samarugo e San Simón.
Unha nova moi agardada pola veciñanza desta zona de Vilalba, que chega logo de que o Concello recibira da Confederación Hidrográfica – Miño Sil e da Dirección Xeral de Patrimonio as necesarias autorizacións sectoriais para dar inicio ás obras.
Ademais, e de acordo cos criterios técnicos da dirección da obra, foi necesario agardar á baixada do caudal debido a que, para a execución da obra, cómpre desviar a auga e o nivel do río non era o máis optimo para a realización dos traballos.
“Dende o día 1 da lexislatura, tivemos claro que a obra era prioritaria e actuamos en consecuencia axilizando os trámites todo canto nolo permitiron os tempos da admistración e a propia climatoloxía” explicou Renda.
Esta obra conta cun prazo máximo dun mes de execución e o obxecto da mesma é darlle solución permanente á actual situación de risco.