Barreiros, 11 de setembro de 2024. O Concello de Barreiros e as ANPAS dos CEIP dos colexios de San Cosme e San Miguel presentaron a oferta de actividades que programarán para esta tempada que dará comezo no mes de outubro.
Ambas entidades traballaron de forma coordinada nas últimas semanas co obxetivo de non solapar propostas de actividades na medida do posible para facilitar así a inscrición e a conciliación das familias do municipio.
Por un lado, o Concello de Barreiros presenta as actividades deportivas para crianzas e adultos, un total de 13 disciplinas, 7 para as crianzas e 6 para as persoas adultas. Como novidades inclúense as actividades de Karate e Skate, coa que se busca complementar os meses anteriores á oferta de Surf por ter unhas características similares ambas disciplinas. As outras disciplinas serán atletismo, futbol sala, natación e patinaxe. En canto ás EEDD de adultos contarán con Ximnasia de mantemento, ioga, zumba, espalda saudable, pilates e baile. Esta última incorporada nos últimos meses da tempada pasada contou con gran aceptación na veciñanza.
Según o concelleiro de dinamización Dani García, as actividades ofertadas tanto para crianzas como adultos buscan fomentar a actividade física dunha maneira planificada e sempre primando o benestar da persoa usuaria.
Pola outra banda, dende as ANPAS, realizarán unha oferta conxunta de actividades que inclúen mecanografía/ofimática, xadrez, música creativa, combo de cociña, arte e ciencia e por último unha actividade de ioga en familia. É a primeira vez que as ANPAS dos dous colexios do municipio traballan conxuntamente e en colaboración co Concello para lograr unha oferta de actividades coordinada.