O técnico burelés cumprirá a súa terceira campaña no club e tamén seguirá dirixindo ao filial e ao xuvenil burelista
Burela, 11 de setembro, 2024. O adestrador burelense Jairo Campo Vázquez (1994) renova o seu compromiso co Pescados Rubén Burela e, deste xeito, cumprirá a súa terceira campaña consecutiva como coordinador da base feminina, cargo que seguirá compatibilizado coa dirección técnica do filial e o xuvenil burelista. “Estou contento de poder continuar co traballo feito nos dous primeiros anos, que creo que foi moi positivo. Logo dunha primeira tempada con bastante dificultades, na que apostamos só por sacar tres equipos, o pasado curso xa tivemos conxuntos en todas as categorías (benxamin, alevín, infantil, cadete e xuvenil) e puxemos en marcha o equipo filial”, rememora.
Campo asegura que o pasado curso “supéraronse as expectativas todas” coas que iniciaran o traballo. “O filial ganou a Liga e a Copa, co ascenso a Preferente incluído, e o xuvenil foi subcampión de España en Málaga. O do filial podía máis ou menos entrar nos plans, pero o que fixo o xuvenil foi unha sorpresa para todos e creo que foi a constatación de que se está traballando ben”, apunta o técnico.
Para esta campaña, Jairo é consciente de que os retos serán aínda máis complicados, sobre todo no relativo ao equipo filial. “O noso obxectivo na estrea en Preferente vai ser tentar competir e asentar o equipo nunha categoría de moito máis nivel e que xa é moi esixente. Seguiremos contado con catro sénior (Silvia Rubal, Cris Blanco, Sofía e Rissiana) e o resto van ser xuvenís. Esta categoría vainos esixir traballar conceptos diferentes e vai ser moi bo para as máis novas porque require facer un traballo continuo e vai ser un reto tentar estar a un nivel alto todas as semanas, algo que non era preciso o pasado ano”, analiza.
A primeira proba xa vai ser este venres en Dumbría, onde se medirán a un histórico como o Fisober FSF (18:30 horas). “Foron segundas o ano pasado, loitando ata o final co Grupo Forma-T Vilalba polo ascenso a 2ª División e na terceira xornada visitaremos ao Cidade das Burgas, que vén de 2ª, pero que é un equipo moi mítico da máxima categoría. A pesar de ser un filial, moitos partidos van ter o atractivo suficiente para que a xente se achegue ao pavillón”, asegura.
A única baixa do equipo filial será a da porteira Ester, que se incorporou ao Composala santiagués por cuestións académicas, así como a de Aroa, unha futbolista que botou algunha man puntual no filial e este verán marchou cedida ao Grupo Forma-T Vilalba. Ao cadro burelense chegou a xuvenil riotortense Mara, que procede do Ribeira FS.
Ademais de asentar ao equipo en Preferente, outra das funcións do filial e o xuvenil será “seguir axudando no que se poda ao primeiro equipo, como xa fixeron o ano pasado Aroa, Cris Blanco, Irene, Ester ou Lola en moitas adestramentos e mesmo en partidos e fases finais. O feito de subir a Preferente tamén axudará a que o salto entre un conxunto e o outro sexa un pouco menor”, explica.
En canto ao resto da base feminina, Jairo Campo explica que “imos contar con preto de 60 licenzas e seguimos coa captación de nenas. O noso obxectivo é crear pertenza e que siga habendo ese vínculo entre a base e o primeiro equipo que fai que estas nenas vaian animar ás maiores e algunha destas se involucre na base como Antía, que vai seguir comigo de segunda adestradora, ou Irene Samper, que o ano pasado dirixiu aos máis pequenos e pequenas. Ademais, Silvia Rubal encargarase de guiar ao alevín feminino e Cris Blanco ao benxamín”, conclúe o coordinador.