O conselleiro do Mar visitou a dársena na que está previsto que poidan iniciarse os traballos de acondicionamento dos 10 locais para profesionais ao longo do vindeiro mes de outubro
Cervo, 10 de setembro de 2024. A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia ven de adxudicar as obras de mellora e acondicionamento dos departamentos para armadores do porto de San Cibrao, no municipio lucense de Cervo. Así o comunicou o titular do departamento autonómico, Alfonso Villares, que visitou esta mañá a zona dos traballos na que a Xunta de Galicia investirá 365.000 euros.
Villares, que estivo acompañado durante a súa visita polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, informou de que, unha vez adxudicado o concurso ao que se presentaron 8 ofertas, nos vindeiros días formalizarase o contrato coa adxudicataria final, de xeito que as obras poidan comezar ao longo do vindeiro mes de outubro.
O proxecto previsto consiste no acondicionamento dos tres edificios de locais de armadores do porto -10 locais en total-, co obxectivo de mellorar as condicións de traballo dos usuarios, mellorar a integración e reducir as necesidades de mantemento do edificio. Para isto proxéctase a substitución das cubertas, baixantes e canalóns e a pintura de fachadas, entre outras melloras.
Reparación da nave de varada
Xunto co próximo inicio das obras dos departamentos, Alfonso Villares anunciou tamén que Portos de Galicia ten prevista a reparación da nave de varada de San Cibrao. Esta actuación suporá a renovación da estrutura metálica da nave así como da cuberta e está pendente da redacción de proxecto.