A Xunta urxe ao Estado a que convoque unha reunión para que Alcoa actualice a evolución do proceso de venda da compañía
Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2024. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reclamou hoxe a Alcoa que complete os requirimentos da Xunta de Galicia para poder autorizar o recrecido da balsa de lodos vermellos que, dixo, é esencial para a actividade da planta.
Así o manifestou logo de manter unha xuntanza con representantes do comité de empresa da factoría de San Cibrao. “Agora mesmo está en mans de Alcoa completar ese requirimentos para que poidamos autorizar o recrecido da balsa, por suposto, con toda a tramitación ambiental complexa que isto supón”, sinalou.
En palabras da conselleira, “Alcoa ten que ser seria con este expediente, ten que amosar a súa vontade de querer continuar coa súa actividade, de querer continuar traballando en Galicia e completar ese requirimento que lle está facendo a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Isto é esencial”, enfatizou.
Lorenzana considerou que outro dos asuntos clave para o futuro da planta de San Cibrao é o enerxético. Ao respecto, apuntou que todos os parques eólicos que dan subministración a Alcoa que son competencia da Xunta de Galicia están autorizados menos un, que ten xa declaración de impacto ambiental.
Neste contexto, exixiu ao Goberno central, en particular á ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, que dea cumprimento á súa palabra en relación a aqueles parques de Alcoa que tiñan decaídos os seus permisos de acceso e conexión e para os que estaba comprometida unha solución “en cuestión de semanas”, lembrou a conselleira. “Isto xa non foi así”, lamentou, polo que volveu reclamar que se atendan as necesidades enerxéticas da empresa.
“O tema enerxético é crucial para que Alcoa ou un eventual comprador poida continuar con esta actividade”, subliñou Lorenzana, quen tamén solicitou de novo a modificación do Estatuto dos Consumidores Electrointensivos.
Lorenzana concluíu amosando todo o apoio da Xunta “a unha das principais empresas galegas e ás miles de familias que viven dela”. Para iso, dixo, “imos estar para calquera reunión á que se nos convoque”, apostilou. “Esperamos este mes ter resposta sobre o proceso de venda e tamén poder ir informando paulatinamente, dentro da confidencialidade do proceso, aos traballadores, que son os primeiros interesados en saber o futuro da empresa”.